Deputación de Lugo

Besteiro inaugura a exposición de Paco Pestana sobre o rural galego na Capela de Santa María

“Presenten... armas!” pode visitarse ata o 8 de maio, de 10:30 a 14:00 e de 17:00 a 20:00 horas, de luns a venres; os sábados de 17:00 a 20:00 e os domingos de 11:00 a 14:00O artista expón 3 esculturas e 27 debuxos, cos que fai unha homenaxe a un “país profundamente agrario e desaparecido” e mostra o seu mundo onírico

O Presidente da Deputación de Lugo, José Ramón Gómez Besteiro, acompañado pola Primeira Tenente de Alcalde do Concello de Lugo, Sonia Méndez, inaugurou este xoves na Capela de Santa María a exposición “Presenten... armas!” de Paco Pestana, na que o artista de Castroverde homenaxea “a un país profundamente agrario e desaparecido” e por outra banda plasma o seu mundo onírico, a súa “realidade soñada”, segundo explicou o propio creador. Esta mostra organizada polo Centro de Artesanía e Deseño (CENTRAD) estará aberta hasta o próximo 8 de maio, en horario de 10:30 a 14:00, de luns a venres; de 17:00 a 20:00, os sábados; e de 11:00 a 14:00, os domingos.

Paco Pestana, o artista que estreou a Capela de Santa María como sala de exposicións no ano 1998, fai nesta mostra, na que conflúen escultura, pintura e poesía, unha “profunda reflexión” despois de máis de 30 anos de traxectoria artística, coa tradición agrogandeira e o mundo da natureza como dous dos eixos claves. O seu título, “Presenten... armas!”, alude á rebelión pacífica que fai o creador, “un rapaz que naceu e se criou no campo”, en contra do pasado, da extinción dunha forma de vida.

A exposición consta de 3 esculturas, coas que Paco Pestana quere render homenaxe e despedir a tradición agraria de Galicia, á que considera “sacrificada” e que impregna dunha visión nostálxica e romántica. Este propósito simbolízao a peza colocada no centro da sala: unha cabeza de vaca enterrada en sal nun recipiente de salar os porcos.

Ó seu redor hai 27 debuxos, distribuídos en 9 grandes paneis -de 3 metros de ancho por 1,3 de alto-, o que lles confire unha imaxe de murais. Estes debuxos, reproducidos coas novas tecnoloxías, plasman “soños realizados”, “crónicas de intimidade”, di Pestana, introducindo ó espectador no mundo interior de fantasía do artista.