Deputación de Lugo

O éxito de participación no Km0 Surf-Camp converte á Mariña en referente turístico fóra de temporada

Imaxe deputación de lugo
Os 230 inscritos, chegados de todo o Norte de España, a presenza da elite nacional do surf e a asistencia de medios nacionais e internacionais, xunto ás boas condicións meteorolóxicas, serviron de tirón para aumentala ocupación hoteleiraDucias de persoas achegáronse esta mañá á praia barreirense de Lóngara para velas figuras e piruetas espectaculares que os surfistas profesionais son capaces de facer nas olas Pola tarde está prevista na Rapadoira unha divertida sesión de multiactividade para a toda a familia e á noite, a entrega de premios e música

O éxito de participación no segundo Km0 Surf-Camp Deputación de Lugo serviu de tirón para aumentala ocupación hoteleira esta fin de semana na Mariña, chegando a rozar o 80% na zona oriental, e incluso superar esta porcentaxe no Concello de Ribadeo. Deste xeito, os 230 inscritos, procedentes non só das catro provincias galegas, senón de lugares de toda a metade norte de España, como León, Bilbao ou Asturias, e incluso de Madrid, xunto á presenza dos mellores surfers a nivel nacional, a asistencia de medios nacionais e internacionais para cubrilo evento e as boas condicións meteorolóxicas converten á Costa lucense en referencia turística fóra de temporada. A boa acollida da multitude de actividades totalmente gratuítas organizadas para esta fin de semana polo organismo provincial e o establecemento ribadense Hola Ola! foi tal houbo que duplicar as prazas inicialmente previstas ante a avalancha de solicitudes.

Tras arrancalo venres cun cheo total no Cine Teatro de Ribadeo, onde houbo charlas a cargo das figuras do surf Kepa Acero, Adur Letamendía e Jaime Azpiroz; proxectouse a película Year Zero, galardoada como a mellor de surf do ano 2011 por www.surfermag.com e sorteáronse agasallos, o Surf-Camp continuou hoxe con outra intensa xornada que incluíu propostas para toda a familia. Pola mañá, os 19 surfistas profesionais participantes no campamento realizaron na praia barreirense de Lóngara unha exhibición das súas técnicas, acompañados dos iniciados neste deporte. O areal encheuse de ducias de persoas para ver de primeira man as figuras e piruetas espectaculares que é capaz de facer nas olas a elite nacional do surf.

Xa pola tarde, estaba prevista na Rapadoira, en Foz, unha divertida sesión de multiaventura para que todos os membros da familia puideran practicar, ademais de surf, outros deportes acuáticos, como kite-surf, paddle surf ou scooter, e pola noite, no pub ribadense Rekuncho, a entrega dos premios da expression session de pola mañá, e unha cena concerto coa actuación do grupo “Dirty Soks”.

Finalmente o domingo, a partir das 12:00 horas e durante toda a mañá, na praia de Esteiro, en Xove, celebrarase unha xornada de surf aberta ó público, na que de novo os campións compartirán olas coas principiantes e daranlles consellos personalizados para mellorar a práctica desta modalidade, que cada vez conta con maior auxe.
Mellor promesa
Unha das actividades máis agardadas do Km0 Surf-Camp é a disputa do galardón á mellor promesa, denominado “rookie” no mundo do surf, ó que optarán seis surfistas mariñanos, e que se dará a coñecer esta mesma noite. Os aspirantes foron previamente escollidos polos clubes colaboradores da organización do Surf-Camp. As escolas ¡Hola!Ola, de Ribadeo; North Shore Surf Club, de Barreiros; Surfiños, de Foz; The Van, de Viveiro e Sensación Surf Club, de Foz, escolleron a estes rapaces dacordo a criterios de calidade. 5 homes e 1 muller terán que medirse esta fin de semana non só entre eles, senón tamén cos campións, e amosar porque poden ser embaixadores da costa luguesa.

Os escollidos son Jairo Barral, natural de Foz, leva dende os 12 anos adicándose ó que define coma a sua grande paixón; Ignacio Maañón “Cheno”, procedente do mesmo Concello, tamén se botou ó auga por primeira vez ós 12 anos, cunha vella táboa que atopou na súa casa; o cervense Evaristo Blanco, surfista dende os 13 anos, para o que o surf é unha forma de enteder a vida en plena liberdade; David Guerreiro, un viveirense de 9 anos que se move como peixe no auga; María Platero, burelesa que tardou en “coller a táboa” pero que colleu con decisión e Borja Rocha, de Barreiros, que se mete ó mar en canto pode.

Todos eles terán que dar o máximo para que a elite nacional de surf, que será a que finalmente escolla ó mellor dos mellores, outorgue ó elixido o ansiado galardón. O premio ó vencedor consiste nunha esponsorización completa durante un ano por parte da Presidencia da Deputación de Lugo, para que poida participar noutros campionatos. Esta esponsorización inclúe todo o material técnico necesario, por valor superior a 2.000 euros (táboa de alta gama, funda, traxes de neopreno de verán e de inverno, accesorios, roupa, etc.). Ademais, non só para estes rapaces senón tamén para todo o que participe, o Surf-Camp é un inmellorable escaparate de promoción, posto que os medios especializados como Surf Limit, Parafina, El blog de Occy, The Crazy Guecho, A Remojo, Fuel Surf ou Surf Galicia, así como membros das Federacións de Surf galega e española, cuxa presenza está confirmada, aproveitarán seguro para chequear o nivel dos surfistas.

De feito, non son poucos os mozos que agardan o comezo deste evento, e que amosan o interese que este deporte esperta entre a xuventude mariñana: o 40% dos inscritos a día de hoxe teñen entre 8 e 18 anos.

Nómina de campeóns
O campión Aritz Aranburu sumouse o mesmo día do arranque do Surf Camp á impresionante nómina de destacados surfistas cos que conta o evento. Kepa Acero -un dos free surfer máis famosos; Adur Letamendía -famoso por surfear grandes olas e actual gañador do Punta Galea EVE Challenge 2012-; Jaime Azpiroz, Gony Zubizarreta -o surfista galego máis laureado, gañador da última edición do San Miguel Zarautz Pro e 2º clasificado no Pantin Classic, 17ª na clasificación para o circuito mundial (WQS)-; Pablo Solar -actual seleccionador da Federación Española-; Indar Unanue; Marlon Lipke -un dos poucos europeos que acadaron clasificarse nos primeiros postos do circuito mundial-; Hodei Collazo -clasificado na 2ª posición do circuito mundial junior-; Pablo Gutiérrez -actual campión de Europa de surf-; Iván Villalba, Luis Rodríguez – segundo surfista galego máis laureado de todos os tempos-; Pablo Romero, Jaji Iglesias, Dani Aznar, Lucía Martiño, Erika Franco -ocupa a terceira posición do surf feminino español-; David Sastre; Yoli Rodríguez e Loiola Canales -campiona de España Sub-18 no ano 2011-, son outros nomes dos 14 homes e 4 mulleres que serán embaixadores da Mariña polo mundo grazas á súa presenza nas praias lucenses.