Deputación de Lugo

Entregados os diplomas ás participantes no proxecto Lugo-Emprego SAD, destinado á formación no coidado de maiores e discapacitados

O proxecto inclíu 6 accións formativas dirixidas á capacitación de 90 alumnas

Lara Méndez destacou o esforzo que realiza a Deputación, a través do INLUDES, para impulsar políticas formativas destinadas a favorecer a inserción laboral en actividades catalogadas como novos filóns de emprego A Vicepresidenta Segunda e responsable do Instituto de Desenvolvemento Económico e Social (INLUDES), Lara Méndez, entregou este luns os diplomas de asistencia ás participantes no proxecto Lugo-Emprego SAD, impulsado polo INLUDES, e destinado á formación e especialización no coidado de maiores e discapacitados. Lara Méndez agradeceu a presenza das alumnas nun acto “que demostra que a formación é unha cuestión de primeira orde para a Deputación de Lugo”. O 30 de outubro de 2007 o Ministerio de Administracións Públicas concedeu ó INLUDES unha ampliación deste proxecto que inclúe un total de 6 accións formativas de auxiliar de axuda a domicilio. “A formación debe estar en concordancia coas demandas de traballo. Debe deixar de ser un fin en sí mesmo para ser un instrumento de empregabilidade. Con esta finalidade solicitouse a ampliación do proxecto destinado á formación do coidado de maiores e discapacitados”. Os obradoiros, que contaron cun orzamento de 244.000 euros, dos que o Fondo Social Europeo achegou o 70% e o INLUDES o 30% restante, impartíronse nos Concellos que solicitaron unha maior demanda: Monforte de Lemos, Monterroso, Chantada, Burela, Foz e Ribadeo. A este respecto, a Vicepresidenta Segunda subraiou que “grazas ó labor do Instituto de Desenvolvemento Económico e Social, un total de 90 persoas xa estades capacitadas para poder prestar o voso servizo como auxiliares de axuda a domicilio”. Méndez explicou, ademais, que o esforzo da Deputación e do INLUDES en materia formativa é continua. “Esta é a liña que queremos seguir: poñer a disposición das persoas que presentan risco de inserción laboral accións formativas que lles permitan acceder a nichos de mercados cada vez máis demandados”. Formación fundamentalmente práctica O proxecto contou con 500 horas de formación, das que máis da metade, 325, foron prácticas. Para que isto fose posible, no mes de marzo, o INLUDES asinou 17 convenios de colaboración con distintas entidades prestadoras de servizos sociais de distintos Concellos: Viveiro, Xove, Burela, Foz, O Valadouro, Ribadeo, Quiroga, Sober, Monforte de Lemos, Chantada, Monterroso, Guntín, Antas de Ulla e Mondoñedo. “Traballamos para impulsar políticas formativas destinadas a favorecer a inserción laboral en actividades catalogadas como novos filóns de emprego. Deste xeito, buscamos que a formación sexa fundamentalmente práctica co obxectivo de que a incorporación ó mundo laboral sexa máis efectiva”, apuntou a Vicepresidenta Segunda e responsable provincial da Área de Promoción Económica e Emprego. Asimesmo, Lara Méndez, lembrou que continúa o obradoiro de emprego Servizos á Comunidade II, destinado tamén á capacitación e especialización no coidado e atención a domicilio a maiores e discapacitados. “Con esta iniciativa, que ten unha duración dun ano, proporcionamos a estes colectivos persoas perfectamente cualificadas para atender as súas necesidades no seu propio domicilio e, así, axudar a afrontar a dependencia”. No acto de entrega dos diplomas, a Vicepresidenta Segunda adiantou que, desde o INLUDES, xa se está traballando para poñer en marcha o proxecto Lugo-Pacto Provincial polo Emprego.