Deputación de Lugo

Máis de 200 veciños de Monforte, Ribadeo, Lugo e Guitiriz redescobren esta semana a provincia con Km0

As comarcas da Mariña, Ribeira Sacra e Ulloa son os destinos dos catro itinerarios programados para entre hoxe e o sábado Pilar García Porto recibiu este martes a 55 integrantes da Asociación de Veciños da Florida, de Monforte, que percorreron O Vicedo

Máis de 200 veciños de Monforte, Ribadeo, Lugo e Guitiriz redescubrirán a provincia a través das catro rutas organizadas para esta semana dentro de Km0, o proxecto co que a Deputación potencia o medio ambiente como oportunidade económica de Lugo. As comarcas da Mariña, Ribeira Sacra e Ulloa son os destinos dos itinerarios programados para entre hoxe e o sábado.

Deste xeito, a programación arrancou este martes con un grupo composto por 55 integrantes da Asociación de Veciños da Florida, de Monforte, que foi recibido no Salón de Actos de San Marcos pola Deputada de Economía, Recadación e Facenda, Pilar García Porto. Tras achegarse ó Centro de Interpretación Terras do Miño, situado no paseo lucense do Rato, os monfortinos viaxaron á Mariña, onde comeron no restaurante Area Grande do Vicedo, e visitaron o porto vicedense, Estaca de Bares e o miradoiro do semáforo.

Mañá mércores, 49 membros do colectivo Xuntos de Ribadeo fará a ruta que estreou Km0 esta tempada: un percorrido combinado en tren, catamarán e bus polos viñedos, adegas e igrexas románicas da Ribeira Sacra. Para o xoves está previsto un itinerario por Palas e Guntín, do que gozarán 48 persoas do Centro de Dinamización de Lugo. Empezarán visitando a olería de Bonxe para coñecer logo o Castelo de Pambre, a fábrica de queixos Arqueixal, a igrexa de Vilar de Donas e o Mosteiro de Ferreira de Pallares. A semana rematará o sábado cunha ruta por Viveiro que farán 55 integrantes da agrupación guitiricense da Asociación Española de Loita contra o Cancro (AECC). O itinerario inclúe paradas no eucaliptal de Chavín e o Mosteiro de Valdeflores, e paseos polo casco histórico e a praia de Covas.

Como anotarse

Os interesados en participar en Km0 poden inscribirse chamando ó 982-26-00-74/75; ou entrando en www.deputacionlugo.org A continuación, poderán efectuar o pago, que será de 8 euros para grupos de menos de 24 persoas e individuais, e de 5 euros para grupos de máis de 24 persoas, quedando excluídos todos os colexios e institutos públicos. A institución facilita dúas modalidades de pago: persoalmente no servizo de Tesourería (Pazo de San Marcos) ou nas sucursais de NovaGalicia (co número de conta 20800152663110001425). A reserva e pago das rutas tamén pode facerse a través da plataforma de comercio electrónico www.losproductosdelugo.com da Deputación. Optando por esta alternativa, os participantes teñen un desconto do 10% no custe das actividades.