Deputación de Lugo

A Deputación de Lugo adquire un inmoble para ser a sede de SUPLUSA

O edificio está na rúa San Marcos, conta cunha superficie de 850 metros cadrados, e será rehabilitado en harmonía co centro histórico

O Consello de Administración da Sociedade Urbanística Provincial (SUPLUSA), dependente da Deputación de Lugo, aprobou hoxe a compra dun inmoble na rúa San Marcos, fronte ó Pazo Provincial, que será rehabilitado para acoller a sede da Sociedade. O obxectivo da Deputación de Lugo é prestar un mellor servizo ós cidadáns e ós Concellos, facilitándolles o acceso e o asesoramento en todo o relativo á oferta de solo industrial da provincia e do planeamento urbanístico. Despois da rehabilitación integral, o inmoble terá un soto, pranta baixa, 3 andares e unha baixo cuberta, que sumarán unha superficie total de 850 metros cadrados. No seu interior acollerá un centro de promoción industrial da Deputación, unha sala de exposicións coa oferta de solo industrial, e información sobre o planeamento urbanístico, entre outros moitos servizos. A compra do edificio enmárcase dentro do obxectivo da Deputación de abrir e dar a coñecer á sociedade o importante traballo que está a levar a cabo SUPLUSA en beneficio do desenvolvemento industrial e económico da provincia. Asimesmo, coa rehabilitación do inmoble a Deputación contribúe ó obxectivo que perseguen conxuntamente esta institución e o Concello de Lugo: rehabilitar o centro histórico, tal e como contemplan ámbalas dúas entidades noutro programa complementario de grandes dimensións, o Plan Urban. Esta compra non vai condicionar ningunha das actuacións previstas pola Sociedade Urbanística Provincial para este ano nos concellos da provincia, xa que é compatible co plan anual aprobado. O edificio adquirido, que está ubicado no número 11 da céntrica rúa de Lugo, foi adquirido por 1.500.000 euros. Adecuación da rúa Complementando esta actuación, a casa colindante co edificio da Deputación, entrando pola rúa San Marcos, vai ser pintada despois de que os seus propietarios chegasen a un acordo co Presidente da Deputación, José Ramón Gómez Besteiro. O mandatario provincial animounos a contribuír á ornamentación da rúa, que está experimentando cambios significativos. Esta actuación, sufragada polos propietarios, enmárcase dentro do obxectivo de embelecer a céntrica rúa, iniciado coa tala dos tres cedros xapónicos que estaban en mal estado.