Deputación de Lugo

Deputación e Sindicatos adoptan os primeiros acordos para a transferencia dos hospitais ó SERGAS

Melchor Roel deu conta dos primeiros acordos pechados esta mañá na reunión mantida cos representantes dos traballadores

O Deputado de Réxime Interior e Persoal, Melchor Roel, mantivo este venres unha xuntaza cos sindicatos para abordar a transferencia dos hospitais de San José e San Rafael ó Servizo Galego de Saúde. Na reunión, Melchor Roel entregoulles a valoración solicitada sobre os postos de traballo do persoal laboral de ámbolos dous centros sanitarios provinciais. Neste senso, o Deputado de Réxime Interior indicou que “esta nova proposta que recolle reclamacións históricas dos traballadores en calquera dos dous hospitais foi entregada tal e como o goberno provincial anunciara no seu momento”. A proposta de valoración ten un custe de 226.000 euros, aínda que esta cifra será proporcional ó tempo en que se efectúe a transferencia. Deste xeito, Roel explicou que “esta cifra vai incorporada ó 2% de adianto ata que se negocien as táboas retributivas de 2008”. A reunión dá continuidade ó planning marcado polo Presidente e a Conselleira de Sanidade fai escasos días. O Deputado da Área de Réxime Interior e Persoal subraiou que con esta xuntanza e a mantida con María Xosé Rubio “queda claro que imos loitar para que se respeten os dereitos dos traballadores aínda que teñan que cambiar de empresa, podendo acollerse estes ó réxime de persoal estatutario ou incorporarse ó decreto de transferencias coas condicións que mantén o ente provincial”. Os representantes dos traballadores solicitaran á Deputación o cambio dos criterios de valoración nos que se debe primar antes a responsabilidade que a xerarquía e as funcións. “As palabras lévaas o vento e agora, por primeira vez, existe unha valoración por escrito”, subliñou o Deputado. Roel adiantou, ademais, que na xuntanza chegouse a un segundo acordo que contempla a creación dunha subcomisión que se encarge dos casos específicos. “Podemos chegar a un acordo, pero ó mellor non se pode levar a cabo porque esa persoa non pode incorporarse profesionalmente a ese posto de traballo. O que se trata é de chegar a un consenso que non lesione os dereitos dos traballadores nin os intereses da Deputación e do SERGAS”. Melchor Roel anunciou que está previsto que os sindicatos resposten á proposta presentada o vindeiro martes, día 4 de marzo, ó tempo que lembrou que, tal e como se acordou en Santiago, a partir de Semana Santa volverá haber reunión da Comisión Mixta. Acordos Xunta de Goberno Na Xunta de Goberno celebrada este venres aprobouse a adxudicación da obra de acondicionamento do acceso á localidade da Míllara, no Concello de Pantón, por un importe de 37.491 euros, á empresa Ogasaviales S.L. O prazo de execución dos traballos é de 45 días.