Deputación de Lugo

A Deputación decreta dous días de loito polo falecemento de dúas xogadoras do Emevé en accidente de tráfico

A Xunta de Goberno aprobou, a proposta do Presidente, unha declaración institucional de condolencia polo sinistro no que tamén resultaron feridas varias persoas

Adxudícase provisionalmente o contrato do seguro que responderá ante os accidentes de tráfico nas estradas provinciais A Deputación decretou dous días de loito oficial, e a bandeira provincial ondea a media asta en sinal de dor polo falecemento das xogadoras do equipo de voleibol feminino Emevé, Aída Cela e Iris Arias, nun accidente de tráfico acontecido onte á saída do aeroporto de Lavacolla. A Xunta de Goberno, a proposta do Presidente, José Ramón Gómez Besteiro, aprobou este luns unha declaración institucional de condolencia pola que se traslada “ós pais, familiares, amigos e directivos do Club Emevé o maior pesar e condolencia desta Corporación polo tráxico falecemento de Aida Cela e Iris Arias, do mesmo xeito que o desexo de pronta recuperación das xogadoras e persoas que aínda continúan en estado de convalecencia”. Ademais, decrétanse “dous días de loito oficial en sinal de recordo, respeto e homenaxe da provincia de Lugo ás vícitmas e feridos no fatídico accidente”, así como “izar en sinal de dor a Bandeira Provincial Exterior a media asta e a Interior con crespón negro”. A declaración tamén establece “facer acto de presenza institucional naqueles acontecementos e convocatorias de carácter luctuoso que se desenvolvan, coincidindo cos funerais polas persoas falecidas”. Seguro de responsabilidade patrimonial O Goberno provincial adxudicou provisionalmente o contrato do seguro de responsabilidade civil e patrimonial da Deputación á empresa MAPFRE por 128.429 euros. Deste xeito, a Deputación conta, por primeira vez, cun seguro que responderá ás reclamacións relativas ós danos provocados en bens propiedade da institución, incluídos os accidentes de tráfico nas estradas provinciais. O voceiro socialista, Antonio Gato Soengas, destacou que “isto supón un avance extraordinario con respecto á situación anterior, na que non existía ningún tipo de cobertura para estes casos, o que supoñía un grave quebranto económico para a Deputación”. Co anterior goberno, “a Deputación tiña contratada unha póliza que só respondía ós danos que sofrise unha persoa allea á institución dentro dos seus edificios. Agora, dase un salto cualitativo, e cubrirase a responsabilidade civil e patrimonial en calquera ben propiedade da Deputación, incluídos os accidentes de tráfico nas vías provinciais”. Precisamente, hoxe acordouse a comparecencia da Deputación nun recurso contencioso-admistrativo por reclamación patrimonial relativa a un accidente de tráfico, acontencido en febreiro de 2007 nunha estrada provincial no Concello de Paredela, a consecuencia dunha saída de vía. O demandante reclama unha indemnización de 1.354 euros. Outros acordos da Xunta Por último, aprobouse a adxudicación, por 34.900 euros, das obras adicionais ós traballos de acondicionamento da estrada provincial 1502 “de Rúa a Vilaestrofe” no Concello de Cervo, entre os puntos quilométricos 1,700 e 4,300, así como 4 contas xustificativas dos Plans de Comunidades Veciñais dos anos 2005, 2007 e 2008. As 4 obras suman un presuposto de 51.171 euros dos que a Deputación achega 35.954 euros. “Por unha banda, estamos rematando coas contas xustificativas que aínda herdamos do anterior goberno. Esta tarefa ten a súa dificultade polos problemas que hai para certificar obras que se fixeron hai 4 anos. En contraposición, hoxe apróbanse as 2 primeiras contas xustificativas de 2008”, apuntou Antonio Gato.