Deputación de Lugo

A sala de exposicións do Pazo de San Marcos acolle A mostra de gravados incisións

Antón Bao inaugurou este martes esta exposición na que participan un total de 26 artistas e gravadores lucenses

O vicepresidente primeiro da Deputación, Antón Bao, inaugurou este martes a exposición Incisións, un proxecto que tomou forma grazas ao traballo realizado polo comisario da mostra, Ignacio López, que contou coa colaboración de 26 artistas plásticos e gravadores lucenses que elaboraron cadanseu gravado para a ocasión. A Sala de Exposicións do Pazo de San Marcos acolleu o acto de inauguración no que tamén estivo presente a directora do Museo de Lugo, Aurelia Balseiro. A mostra poderase visitar, de maneira totalmente gratuíta, ata o próximo 24 de maio. Na súa intervención, Antón Bao resaltou que co deseño e posta en marcha deste proxecto expositivo o Museo Provincial de Lugo “quixo poñer ao dispor do público un testemuño histórico-cultural de actualidade e de incalculable valor e riqueza que representan cada un destes 26 gravados, realizados por certo, con distintas técnicas artísticas”. Achegar a arte á sociedade, facer esta última partícipe dos cambios deste eido e impulsar e fomentar o traballo realizado polos distintos artistas lucenses son algún dos obxectivos que persegue esta exposición, asegurou o vicepresidente primeiro da Deputación de Lugo. Para o comisario da mostra, Ignacio López, o obxectivo do proxecto Incisións “é a busca da interrelación artista-museo-espectador, de xeito que, a través do traballo artístico, o artista propón e proxecta mediante a súa obra a propia expresividade persoal”. Neste senso, López fala do establecemento dunha relación cun espazo, neste caso o museo, que se converte nun “lugar para a reflexión e o pensamento pero, que ao mesmo tempo, tamén é un espazo lúdico, de xogo, de lecer e de encontro”. En fin, un lugar no que o espectador “poida sentir que algo do que percibe é seu”, salientou.