Deputación de Lugo

O Pleno da Deputación aborda a viaxe intitucional do Presidente a Sudamérica

Gómez Besteiro asegurou que se traballará para dar continuidade á relación iniciada cos emigrantes lucenses no exterior

O Presidente da Deputación, José Ramón Gómez Besteiro, deu conta ante a Corporación provincial da viaxe institucional que realizou a Sudamérica do 7 ó 14 de setembro. O titular provincial dixo que nesta viaxe se acadaron tres obxectivos: “saldar a débeda que tiña a Deputación de Lugo coa comunidade de lucenses no exterior- unha relación que xa anuncio que se manterá no tempo-; presentar o programa formativo para os nosos emigrantes no país de destino, que foi todo un éxito; e abrir novos mercados de negocio”. O titular provincial fixo un repaso da intensa axenda en Arxentina, Uruguai e Venezuela que, nos oito días do programa, incluíu 40 actos institucionais nos que houbo reunións de traballo con ministros, embaixadas, asociacións de empresarios e coa comunidade lucense que reside no exterior. José Ramón Gómez Besteiro lembrou que “éramos a única Deputación galega que nunca tivera relacións cos seus emigrantes e era necesario reecontrarnos con eles, tal e como xa fixeron outras Deputacións, independentemente da súa cor política”. Neste senso, afirmou que se acadaron dous compromisos concretos que afectan ás arcas provinciais, e que “estou seguro de que conta co apoio de todos, como é a axuda de 850 euros ó mes para a manutención e aloxamento dos 10 lucenses que residen no Hogar Español de Uruguai e os 20.000 euros para as familias lucenses sen recursos que teñen nenos escolarizados no Colexio Santiago Apóstol de Arxentina”. Con respecto ó programa formativo, dixo que se cumpriran dous fitos: “por unha banda, asinar un convenio económico na sede central do Banco Nación Arxentina para realizar actividades en común e, por outra, ampliar a Uruguai esta programación, que inicialmente estaba prevista só para Arxentina e Venezuela”. Tamén subliñou a importancia da apertura de novos mercados. “Hai que sementar, explorar novos mercados e abrir camiños para que outros se sintan respaldados pola Deputación”. Deste xeito, referiuse ós proxectos de trazabilidade para favorecer os intereses da pesca lucense que faena en augas de Uruguai ou á experiencia nos centros de recría e no cultuvo de cereais destes países. Con respecto á comitiva da Deputación que participou nesta viaxe, Gómez Besteiro informou de que estivo formada por seis persoas: dous representates institucionais (o Presidente e o Delegado de Réxime Interior e Persoal); dous técnicos (o xefe de Protocolo e a xefa do Gabinete de Comunicación), e dous xornalistas “para dar testetuña do que alí se fixo”. Outros asuntos do Pleno O Pleno da Corporación provincial aprobou por unanimidade a Conta Xeral da Deputación, do INLUDES e da Sociedade Urbanística Provincial correpondente ó ano 2007 e ratificou o Plan de Formación, que contén 41 accións formativas, das que 18 están relacionadas coas novas tecnoloxías. Tamén houbo unanimidade na cesión ó Concello do Páramo, a petición deste municipio, da titularidade de dous treitos de estradas provinciais que suman 1,335 quilómetros. En concreto, o devandito Concello pasará a ser responsable do treito da estrada provincial “de Conturiz ó Páramo” que vai do punto quilométrico 16,748 ó 17,883 (agás o treito central de 250 metros que atravesa e divide o campo da feira), cunha lonxitude total de 1,135 quilómetros; e o da estrada provincial “de Pobra de San Xiao ó Páramo”, do punto quilométrico 5,2666 ó 5,4666 cunha lonxitude de 200 metros. Por último, os tres grupos provinciais tamén deron o visto e prace ó informe da Comisión de Heráldica da Xunta de Galicia para a homologación da bandeira da Deputación de Lugo. Este documento, que ten carácter vencellante, propón unha pequena modificación sobre a actual. Na bandeira, dividida en dúas franxas horizontais -unha vermella e outra azul- representaranse as figuras e motivos heráldicos distitivos da institucións (un cáliz flanqueado por cadanseu anxo e unha torre flanqueda por dous leóns), sen o escudo, tal e como ocurre na insignia actual.