Deputación de Lugo

A Deputación de Lugo inviste 28.500 € en Unidades de Atención domiciliaria a persoas con autismo

O programa será ideado e levado a cabo pola asociación Raiolas-Lugo cun total de 66 beneficiarios directos

A Vicepresidenta Terceira e deputada Mª Xosé Vega Buján, presentou hoxe en Lugo xunto ao representante da asociación de autismo Raiolas-Lugo, Nahum REija, o convenio de colaboración que ambas entidades levarán a cabo. A través de esta colaboración destinaranse 28.500 € para persoal (logopedas, psicólogos ,etc) do programa de atención domiciliaria para afectados con TEA (Trastornos de Espectro Autista). Preténdese dotar dun servizo de apoio nos propios domicilios ou naqueles lugares que se acorde, achegando un servizo de apoio ou guía para que as persoas con este trastorno desenvolvan ó máximo as súas capacidades, facilitando tanto a comunicación como a comprensión das súas necesidades. A asociación traballará con familias de Lugo e provincia, nun total de 66 beneficiados, en dúas vertentes: a atención aos afectados e o apoio ás familias. Á persoa con Autismo proporcionaráselle apoio nos seguintes aspectos: desenvolvemento do Benestar emocional, evolución do xogo, competencias comunicativas, desenvolvemento de capacidades de aprendizaxe, prevención de condutas problemáticas e habilidades de autonomía persoal. Por outro lado, á familia se lle proporcionará asesoramento sobre pautas de interacción e intervención, implicándoa como axente activo no tratamento dos seus fillos con T.E.A., propoñendo obxectivos, facendo que a familia sexa un contexto significativo na xeneralización de habilidades e destrezas adquiridas e facéndoa tamén partícipe da avaliación e seguimento do programa dos seus fillos. Segundo Mª Xosé Vega “con este convenio dende a área de Benestar queremos mostrar o noso apoio ás familias, ofrecéndolles recursos asequibles para comprender e tratar aos afectados con T.E.A.”