Deputación de Lugo

A Presidenta da Deputación en funcións participará en varios actos organizados por emigrantes en Cataluña

Imaxe deputación de lugo
Lara Méndez lerá na catedral de Lugo a ofrenda da asociación O Penedo Fogar Galego no seu 25 aniversario

O artesán de gaitas Xosé Manuel Seivane será homenaxeado na Mariña nun acto no que participará a Presidenta en funcións. A Presidenta da Deputación de Lugo en funcións, Lara Méndez, participará o xoves e o venres desta semana en varios actos organizados por diversas asociacións de emigrantes galegos en Cataluña que este ano elexiron a provincia de Lugo para celebrar as principais actividades que realizan durante o verán en Galicia. Mañá, 7 de agosto, Lara Méndez participará nunha xuntanza organizada na Mariña pola Federación de Entidades Culturais Galegas de Catalunya na que se rendirá unha homenaxe ó artesán de gaitas Xosé Manuel Seivane. O acto comezará ás once da mañá cunha visita á praia das Catedrais e outros areais da costa luguesa. Á unha da tarde terá lugar a recepción de autoridades na Casa Consistorial de Ribadeo e, a continuación, ós asistentes subirán ó Mirador de Santa Cruz onde se celebrarán un xantar e terá lugar un acto no que participará o homenaxeado. A Federación de Entidades Culturais en Catalunya, formada por 18 centros repartidos por toda a xeografía catalá, quere recoñecer o labor desenvolvido polo patriarca da saga familiar dos Seivane, Xosé Manuel, que é natural da Pastoriza e que comezou a construír gaitas en 1939 en Ribeiras de Piquín. A maioría das gaitas que teñen as asociacións integradas na Federación foron feitas no obradoiro dos Seivane, que na actualidade está ubicado na localidade coruñesa de Cambre, e que é un dos máis valorados de Galicia. O Penedo Fogar Galego Ó día seguinte, 8 de agosto, a máxima responsable da Deputación en funcións será a encargada de ler na catedral de Lugo a ofrenda en nome da asociación de emigrantes en Barcelona O Penedo-Fogar Galego. Os actos organizados por esta entidade comezarán ás doce cunha misa na catedral na que terá lugar a intervención de Lara Méndez. Ó remate da homilía, os respresentantes do Penedo visitarán o Concello de Lugo e ás dúas da tarde serán recibidos no Pazo de San Marcos pola máxima representante da institución provincial. A xuntanza finalizará cun xantar de irmandade no restaurante Los Robles, no que se entregará unha praca ó xornal El Progreso pola conmemoración do seu centenario, e homenaxearase a dous socios fundadores radicados na provincia de Lugo, Serafín García e Carlos López. A asociación barcelonesa O Penedo Fogar Galego, que reúne a uns 250 emigrantes, naceu hai 25 anos por iniciativa de Yolanda Díaz, natural de Sarria, ó seu regreso de Uruguay.