Deputación de Lugo

O Presidente da Deputación participará na toma de posesión de Fernández Liñares como Presidente da Confederación Hidrográfica do Miño-Sil

Imaxe deputación de lugo
O acto terá lugar mañá na Subdelegación do Goberno en Ourense

O Presidente da Deputación, José Ramón Gómez Besteiro, participará no acto de investidura do Presidente da Confederación Hidrográfica do Miño-Sil, o lucense Francisco Fernández Liñares, que terá lugar mañá mércores, ás cinco da tarde, na sede da Subdelegación do Goberno en Ourense. A designación de Fernández Liñares como primeiro Presidente da nova Confederación Hidrográfica foi un motivo de satisfacción para Gómez Besteiro porque se trata dunha persoa que coñece ben a realidade da provincia luguesa. Ademais, dende que se coñeceu a decisión do Consello de Ministros, brindou a colaboración da Deputación de Lugo para contribuír a que o seu traballo ó fronte do novo organismo sexa un éxito e redunde en beneficio da nosa provincia. Gómez Besteiro e Fernández Liñares foron compañeiros na Corporación do Concello de Lugo desde 1999 e formaron parte do equipo de goberno encabezado polo Alcalde José López Orozco. En 2007 Liñares pasou a ocupar a Concellería de Urbanismo, responsabilidade que deixou Gómez Besteiro para asumir a Presidencia da Deputación provincial de Lugo. Fernández Lipares será o encargado de poñer en marcha esta Confederación de recente creación que xestionará os recursos hídricos das concas dos ríos Miño, Sil e Limia.