Deputación de Lugo

A Deputación de Lugo acollerá a presentación oficial en Galicia do libro “Historias de vida en el
medio rural”

O acto contará coa presenta do titular da Xunta e de máis de 200 mulleres rurais de toda a Comunidade

A Vicepresidenta Segunda da Deputación, Lara Méndez, acompañada da Presidenta de FADEMUR Galicia (Federación de Asociacións de Mulleres Rurais), Rosa Arcos Caamaño, deu conta este xoves do acto que se celebrará o sábado, 12 de xullo, no Pazo de San Marcos co motivo da presentación do libro “Historias de vida en el medio rural” elaborado por dita Federación. Ó acto está previsto que acudan máis de 200 mulleres, ademais do Presidente da Xunta de Galicia, Emilio Pérez Touriño. Lara Méndez agradeceu a presenza da Presidenta de FADEMUR en Galicia “por confiar na Deputación e elexir a provincia de Lugo para facer a presentación do libro a nivel de Galicia”. Deste xeito, a Vicepresidenta Segunda, empregando como fonte a Federación de Asociacións de Mulleres Rurais, explicou que en Galicia existen 89.823 titulares de explotacións agrarias, dos que o 52,49% son mulleres, en total 47.156. Asemade, na provincia de Lugo existen 18.325 explotacións autónomas nas que traballan mulleres, pero só 277 están dadas de alta no Réxime Especial Agrario. Ademais, a maior parte das mulleres titulares de explotacións agrarias na provincia atópase nos Concellos da Montaña, concretamente nos municipios de Becerreá, Cervantes e A Fonsagrada. Con respecto á Seguridade Social, a Vicepresidenta Segunda da Deputación sinalou que arredor de 10.000 mulleres en Galicia non cotizan a este Réxime. Neste senso, Lara Méndez indicou que “neste caso están consideradas como axuda familiar, realizan un traballo invisible que non conta con dereitos sociais nin laborais e económicos. FADEMUR fixo un traballo importante ó respecto deste tema porque conseguiu a cotitularidade, é dicir, que se lle abonen ás mulleres o 50% na cota que deben pagar á Seguridade Social”. A Vicepresidenta Segunda da Deputación concretou aínda máis engadindo que só 3 de cada 10 mulleres que adican máis de 30 horas á semana á agricultura cotiza á Seguridade Social, mentres que 7 de cada 10 figura só contan con nivel de protección de cónxuxe ou dos seus maiores. Neste senso, Méndez subraiou que “desde a Deputación de Lugo apoiamos este proxecto e continuaremos impulsando medidas encamiñadas a poñer en valor o traballo das mulleres rurais e potenciar os sector primario da provincia, un dos principais motores económicos de Lugo”. Testemuñas reais O libro estase a presentar en diferentes Comunidades Autónomas. En días pasados foi a quenda de Extremadura e no mes de abril en Madrid. O exemplar relata a experiencia de 30 mulleres españolas de distintas idades e de dez comunidades autónomas distintas, entre as que se atopan 3 galegas: Begoña Liñares de Trazo (A Coruña), Esther Calviño de Tordoia e Mercedes Méndez de Ordes. Tres testemuñas que representan tres xeracións distintas a nivel persoal e profesional. Na primeira editáronse 12.000 exemplares. Lara Méndez subraiou que o libro “supón un recoñecemento e unha homenaxe ós 7 millóns de mulleres que viven e traballan no medio rural español e que foron o pilar fundamental do desenvolvemento dos nosos municipios”. A Presidenta de FADEMUR Galicia, Rosa Arcos, destacou que “a presentación oficial do libro en Lugo non é casual, xa que a maior parte do territorio está cualificado como territorio rural e é donde viven o maior número de mulleres que desenvolven un traballo invisible, pero que, sen embargo, ten unha gran importancia no desenvolvemento das Comunidades, das aldeas e do noso entorno”. Arcos explicou que con este libro a Federación “quere facer unha homenaxe a todas as mulleres que traballan e viven no medio rural e facer visible o seu traballo rachando cos estereotipos sobre este colectivo. Ata o de agora parecíamos que eramos unha fotografía en branco e negro, que facemos todas o mesmo e que temos as mesmas expectativas de vida, resignadas a non ter futuro. Pero somos moitas e queremos vivir dignamente do traballo, ter igualdade de oportunidades e un futuro digno”. O acto de presentación oficial do libro dará comezo o sábado ás 12:00 horas e contará coa presenza do Presidente autonómico, Emilio Pérez Touriño, Presidente da Deputación, José Ramón Gómez Besteiro, o Alcalde de Lugo, José López Orozco, o Secretario Xeral de Unións Agrarias, Roberto García, a Presidenta de FADEMUR en España, Teresa López e con máis de 200 mulleres rurais. Haberá proxeccións audiovisuais e unha actuación musical.