Deputación de Lugo

Gómez Besteiro destaca o incremento en máis do 90% do presuposto do Parque Móbil con respecto a 2007

O responsable provincial presentou o novo semi-remolque co que a Deputación amplía o servizo ós Concellos para o arranxo de vías municipais

O Presidente da Deputación subliñou que “con esta adquisición non só somos útiles para os municipios senón que tamén lles aforramos os custes de transporte do material” O Presidente da Deputación, José Ramón Gómez Besteiro, presentou este venres o novo semi-remolque do Parque Móbil provincial que a institución provincial porá a disposición dos Concellos para o arranxo, mantemento e limpeza das vías municipiais. Gómez Besteiro destacou que “a renovación do Parque Móbil é imprescindible para atender ás necesidades dos Concellos da nosa provincia. Por este motivo, cando chegamos ó goberno da Deputación incrementamos o seu Presuposto en 1.275.378 euros, o que representa un aumento de máis do 90%. Este é o investimento do que non quere falar o PP, pero o certo é que no ano 2007 o Orzamento era 1.348.538 euros e en 2009 este ascende a 2.623.916 euros”. O Parque Móbil provincial, que conta na actualidade con 125 vehículos –incluídas as dúas novas adquisicións-, presta as súas máquinas ós municipios para que estes leven a cabo o arranxo das estradas de titularidade municipal. Nestes momentos, hai varios equipos traballando nos Concellos da Fonsagrada, Friol, Viveiro e Palas de Rei. Gómez Besteiro subraiou que “con esta adquisición a Deputación, ademais, afórralle ós Concellos os custes de transporte do material. Co obxectivo de ser aínda máis útiles e de prestar un servizo eficaz continuaremos ampliando o Parque Móbil con máquinas máis modernas”. 2 novas máquinas O semi-remolque ten 45 metros e medio de ancho e 8,360 de longo. O volume de carga é de 24 metros cúbicos e ten un custe de 46.000 euros. Esta adquisición súmase á da motoniveladora presentada por Gómez Besteiro o pasado mércores na Granxa Gayoso Castro. Esta última é unha Carterpillar de 155 cabalos. Pesa 20 toneladas e ten un custe de 237.000 euros. Este tipo de máquinas son as máis empregadas para a realización de traballos de nivelación, refino, apertura e limpeza de cunetas, corte de taludes, mantemento de pistas, limpeza de escombreiras e bordes de terrapléns.