Deputación de Lugo

Antón Bao presenta a exposición Objetivos de Desarrollo del Milenio que organiza Unicef

Imaxe deputación de lugo
A protección da infancia e a loita contra a pobreza son algunas das cuestións tratadas ao longo dos 11 paneis que conforman a mostra

O vicepresidente primeiro da Deputación, Antón Bao, presentou este luns a exposición Objetivos de Desarrollo del Milenio (ODM) que organiza Unicef e que se poderá visitar no Refectorio do Museo Provincial de Lugo ata o vindeiro 18 abril. No acto tamén estiveron presentes a directora do citado museo, Aurelia Balseiro e a presidenta de Unicef en Lugo, Myriam Garabito. A mostra conta cun total de 11 paneis, dos cales, 3 deles danlle a coñecer ao visitante o traballo realizado por Unicef. Os principios do proxecto Objetivos de Desarrollo del Milenio que dan título a esta mostra son os protagonistas dos 8 carteis restantes. Acceder á unha educación básica, a igualdade de xénero, a loita contra o VIH/SIDA, a creación de ámbitos de protección para a infancia e a análise das políticas, promocións e alianzas a favor dos dereitos dos nenos e nenas son algúns dos piares desta iniciativa. Tal e como comentou Antón Bao, os nenos e as nenas son quen máis sofren os efectos da pobreza e das desigualdades no mundo, por iso, instou á sociedade a seguir traballando en prol da defensa dos máis desfavorecidos “para mellorar as súas condicións de vida e así poder asegurarlles un futuro”, comentou. Acto seguido, o vicepresidente primeiro da Deputación de Lugo asegurou que era todo un orgullo para o Museo de Provincial “contar cunha exposición que pretende divulgar o traballo realizado día a día por este organismo das Nacións Unidas”. A maiores, Antón Bao lembrou que as instalacións do Museo Provincial de Lugo “están abertas ás asociacións e ás organizacións lucenses e tamén galegas que o precisen para dar a coñecer o labor que desenvolven.” A declaración do Milenio é un acordo asinado pola maioría dos países do mundo para loitar contra a pobreza e as desigualdades da humanidade. Neste documento, establécense unha serie de prioridades colectivas en materias de paz, seguridade, loita contra a pobreza, medio ambiente e dereitos humanos. O proxecto Objetivos Desarrollo del Milenio (ODM) prevé que antes do ano 2015 se reduza notablemente a pobreza no mundo e que se cumpran o resto dos obxectivos marcados no citado texto. Unha conferencia para profundizar nos problemas e nas solucións Pola súa banda, a directora do Museo Provincial, Aurelia Balseiro, reafirmou o todo o comentado polo vicepresidente primeiro da Deputación de Lugo asegurando que “as institucións museísticas son referentes socioculturais” e que, como tal, estes “necesitan estar abertos a este tipo de colectivos sociais que tentan concienciarnos de determinadas cuestión a través de exposición de carácter divulgativo” de grande interese para o público en xeral. A presidenta de Unicef en Lugo, Myriam Garabito, agradeceu o apoio prestado pola Vicepresidencia Primeira da Deputación de Lugo, para pór en marcha o proxecto educativo Gotas para Níxer. Así, no ano 2009, a Área de Cultura desta institución subvencionou a edición dun manual para o alumnado de primaria, secundaria e bacharelato lucense, no que se tenta concienciar aos máis novos da importancia da auga no terceiro mundo. A Campaña de Nadal foi outros dos proxectos nos que colaboraron os nacionalistas empregando as postais de Unicef para felicitar as festas. De xeito complementario á exposición, o día 16 de abril ás 20:00 horas, o Museo Provincial de Lugo acollerá unha charla titulada “Trabajo de Unicef en el Marco de los Objetivos del Milenio” da man da presidenta de Unicef en Lugo, Myriam Garabito.