Deputación de Lugo

O INLUDES acometerá os primeiros traballos
de remodelación do Fogar de Santa María logo de que o Concello outorgase as licenzas de obra

Os traballos contan cun orzamento de 48.533 euros e un prazo de execución de 6 meses

O Instituto de Desenvolvemento Económico e Social (INLUDES) acometerá os primeiros traballos de remodelación do Fogar de Santa María, sito na Ronda da Muralla, logo de que o Concello de Lugo aprobase este mércores en Xunta de Goberno as tres licenzas de obra para as demolicións do engadido posterior que une os pavillóns 1,2 e 3, do teito que comunica o pavillón 1 coa Capela de Santa María e o derribo do muro exterior de mampostería de pizarra rematado cunha albardilla de granito e rexas que serven de peche ó INLUDES. As obras contan cun orzamento de 48.543 euros e un prazo de execución de 6 meses. A Presidenta da Deputación en funcións, Lara Méndez, subraiou que “logo de que o Concello de Lugo aprobase en Xunta de Goberno a licenza das tres actuacións que tiñamos previsto nun primeiro momento, axilizaremos todos os trámites para poder dar inicio ás obras no menor tempo posible”. Con esta rehabilitación preténdese recuperar o aspecto inicial do edificio construído por Bellido, un dos arquitectos máis importantes do século XX, que foi Presidente dos Arquitectos de España e ten, entre outras obras, o Círculo das Artes de Lugo. A este respecto, Méndez explicou que “queremos recuperar os volumes iniciais da obra e poñer en valor toda a riqueza patrimonial que ten o INLUDES, así como recuperar os espazos mortos que había destes anexos construídos posteriormente”. Esta actuación enmárcase dentro do proxecto global de remodelación e das obras que se levarán a cabo no recinto do Fogar de Santa María. Estes traballos teñen un orzamento total de 2.430.550 euros e un prazo de execución de 2 anos (2008-2010). O proxecto será financiado ó 100% pola Deputación, a través do INLUDES. A Presidenta en funcións indicou tamén que “ningún dos elementos a demoler están catalogados, aínda que si hai outros que o están como poden ser as impostas, basamentos, balcóns, dinteles ou escudos. Todos atópanse na zona de protección do PEPRI”. O Concello de Lugo adoptará as medidas necesarias para manter a calidade do aire -nunha distanza de 2,5 metros en horizontal desde o límite do espazo no que se realiza a actividade-, control de ruido -entre as 10 da noite e as 8 da mañá non poderán realizarse os traballos-, así como a xestión dos residuos xerados na demolición. As instalacións do Instituto de Desenvolvemento Económico e Social ocupan unha extensión de aproximadamente 12.000 metros cadrados. Datan do ano 1.919. Descrición dos elementos a demoler - Engadido de unión dos pavillóns 1, 2 e 3. Trátase dunha galería de unión formada por unha cuberta plana de forxado de formigón armado e pilares do mesmo material. O pechado é de mampostería de pizarra ata unha altura de 70 centímetros. O resto, ata unha altura de 3 metros é de carpintería de aluminio con cristais fixos. - Cuberta que une o pavillón 1 coa Capela de Santa María. Trátase dunha pequena cuberta a dúas augas apoiada sobre dúas vigas de formigón armado, que se sustentan nos muros de peche das edificacións. - Muro exterior que serve de peche ó recinto na zona da Ronda da Muralla. Esta construción de mampostería de pizarra, de altura variable, desde 2,30 a 0.90 metros, pecha o recinto do fogar ó longo da beirarrúa da Ronda da Muralla. Máis de metade de dito muro sofriu reformas posteriores que non seguiron o trazado orixinal.