Deputación de Lugo

A Deputación inicia as obras de mellora da estrada entre Burela e Rúa

Imaxe deputación de lugo
O organismo provincial financia a totalidade dos traballos, logo de que se perdese a subvención do MAP porque o PP contratou as obras sen dispoñer dos terreos necesarios

O proxecto aprobado polo anterior goberno tan só contempla o ancheamento da vía e non o seu asfaltado, que será acometido tralas xestións realizadas pola Vicepresidenta Segunda A Deputación está a acometer as obras de mellora dun treito de 2,8 quilómetros da estrada provincial entre Burela e Rúa. Os traballos comezaron o luns desta semana e están presupostados en 420.000 euros. Esta cantidade será financiada na súa totalidade polo organismo provincial xa que este é un dos proxectos dos que se perdeu a subvención do Ministerio de Administracións Públicas pola falta de xestión do PP. A mellora e ancheamento da CP 1502 “Burela-Vilastrofe-Rúa” entre os puntos quilométricos 2,600 e 5,400 corresponde ó POL 2006. O anterior goberno contratou os traballos sen dispoñer dos terreos necesarios nin ter iniciado tan sequera o expedente de expropiación. Os trámites foron iniciados polos actuais responsables, pero xa non foi posible ter os terreos no prazo esixido polo que se perdeu a subvención do 80%, que ascende a 336.000 euros. Ademais, o proxecto que aprobou o PP, tan só contempla o ancheamento da vía, que quedaría en terra, xa que non se presupostou nin o afirmado nin o asfaltado. Tralas xestións realizadas pola Vicepresidenta Segunda, Lara Méndez, a Deputación financiará con fondos propios o afirmado e o asfaltado con aglomerado en quente deste treito para que quede nunhas condicións axeitadas para a circulación de vehículos.