Deputación de Lugo

A Área De Cultura e Deporte destinará ao redor dun millón e medio de euros ás entidades culturais e deportivas lucenses

Case a metade do orzamento, 690.000 euros, destinarase por primeira vez á promoción de actividades culturais de “carácter anual” e tamén a aquelas que se realizan de xeito “puntual”

O vicepresidente da Deputación, o nacionalista Antón Bao, informou na habitual rolda de prensa, posterior á Xunta de Goberno, da aprobación das bases que rexerán o procedemento de concorrencia competitiva para a concesión de subvencións destinadas ás asociacións culturais e ás entidades e clubs deportivos para o ano 2009. O orzamento destinado para estes labores de dinamización social, cultural e deportiva en todas as comarcas lucenses ascende a 1.440.000 euros, o que supón un incremento do 20% con respecto ao ano anterior. Tal e como explicou Antón Bao, un total de 690.000 euros empregarase para promover actividades ou eventos culturais “co fin de potenciar a historia, a música, as tradicións de Galiza e o uso do noso idioma”, ademais de impulsar o patrimonio material e inmaterial existente ao longo de todas as comarcas de Lugo. Como novidade, este ano serán obxecto de subvención, e de xeito diferenciado, as “actividades culturais de carácter anual caracterizadas por unha duración no tempo prolongada e que supoñan a actividade principal destas entidades” e a posta en marcha dun evento puntual desenvolvido por calquera asociación, sendo compatibles ambas as dúas achegas. Este é un proxecto no que Área de Cultura e Deporte da Deputación leva inmersa máis dun ano e medio. Neste período de tempo, traballouse en prol dun maior e mellor desenvolvemento do tecido asociativo cultural, espallado por toda a xeografía lucense e por unha mellora nas instalacións e monumentos, así como a conservación de festexos de interese social e cultural. A cantidade restante, 750.000 euros, destinarase a “entidades deportivas promotoras do deporte” diferenciando entre as axudas á actividade competitiva, á actividade deportiva (formación) e as achegas para a realización de eventos deportivos. Con todo, o vicepresidente da Deputación recalcou que, no tocante ás subvencións das actividades competitivas, a finalidade do proxecto é axudar a sufragar os gastos de arbitraxe, transporte e gastos federativos e os canons que xeran estas participacións. Ademais, Bao lembrou que neste texto tamén se contemplan as achegas a entidades deportivas que desenvolvan eventos desta índole e de carácter puntual, cunha repercusión que incida na promoción e na formación deportiva e con especial incidencia no deporte recreativo, deporte saúde, deporte autóctono e tradicional, deporte feminino e deporte adaptado. Acto seguido, o vicepresidente da Deputación tamén comentou que “xa se está a traballar na creación dun rexistro das entidades culturais e deportivas” que permita “simplificar e axilizar os trámites burocráticos á hora de solicitar unha subvención”. Un proxecto que contribuirá notablemente á mellora das condicións do tecido asociativo cultural e deportivo existente en toda a xeografía lucense. A maiores, a Xunta de Goberno da Deputación tamén aprobou o establecemento da tarifa do prezo público das seguintes obras: Catálogo Ángel González Doreste, cifrado en 22,12 euros, Diego Casado. A poética do Baleiro (Colección Ronsel nº 4) -, Zalo. O río da vida (Colección Ronsel nº1), García-Gesto. Out-Side (Colección Ronsel nº 2), José María Lugilde. Visións en Konflicto, todos eles cun prezo no mercado de 13,46 euros.