Deputación de Lugo

A xoiería inaugura a programación de primavera do CENTRAD

11 cursos completan a oferta formativa do Centro de Artesanía e Deseño que inclúe, ademais de cestaría, vidro, cerámica e téxtil

Unha selección das mellores pezas da colección de cestaría do Centro dependente da Deputación estará presente na XXXI Festa da Troita da Pontenova O deseño de xoias abre o luns a programación de primavera do Centro de Artesanía e Deseño da Deputación. Un total de 11 cursos completan a oferta formativa do CENTRAD, que inclúe, entre outras técnicas, vidro, cerámica e téxtil. Deste xeito, o centro dependente da Deputación fai un esforzo importante por recuperar obradoiros que se deixaron de realizar desde hai máis de dous anos. O curso de xoias será impartido polo artesán alemán Thomas Buchter en horario de 10:00 a 14:00 e de 16:00 a 20:00 horas, desde o día 4 ata o 9 de maio. A diferenza de edicións anteriores, todos os cursos están dirixidos ó público en xeral partindo do nivel de iniciación. Dentro do obxectivo do de potenciar os diferentes oficios artesanais da provincia coa finalidade de que estes non esmorezan no tempo, o CENTRAD inclúe novidades nesta programación. Por primeira vez, impartirase a técnica de Grisalla, que combina esmaltes, amarelo de prata e vermello ó cobre sobre vidro plano. Os nenos tamén terán cabida nos cursos do Centro de Artesanía e Deseño. Haberá un obradoiro específico para eles, no que fabricarán cabanas de vimbio. Asimesmo, por primeira vez na historia da programación destes obradoiros e atendendo á demanda dos participantes, ofrécese un nocturno, no que se darán nocións sobre a cestería de vimbio. A cestaría xitana de cana e esparto, que se celebrará desde o 18 ó 22 de maio, é outra das moitas posibilidades que ofrece a programación de primavera. Artesáns de Galicia e de España amosarán as súas técnicas ós alumnos. O lugués Pablo Mazoy impartirá o de cerámica no torno de alfareiro e a inglesa Lois Walpole amosará as súas creacións baseadas na cestaría de reciclaxe. A inscripción pode realizarse ata dous días antes do comezo do curso, chamando ó número de teléfono: 982 21 00 66, ou a través do fax: 982 21 90 14. Os cursos de cestaría impartiranse no Centro do río Rato e o resto nos pavillóns do CENTRAD. Exposición na Pontenova O Centro de Artesanía e Deseño tamén estará presente na XXXI Festa da Troita da Pontenova, organizada polo Centro de Iniciativas Turísticas deste municipio. O Concello quixo contar coa presenza da mellor selección da colección de cestaría do CENTRAD, que está valorada en máis de 10.000 euros. A mostra formada por 20 pezas estará exposta na Casa da Cultura os días 1 e 12 de maio, desde as 11:00 ás 20:00 horas. Os que se acheguen estes días á Pontenova poderán ver elementos como corazas, sombreiros sancosmeiro, cestos do gran, cesta de Cela (Outeiro de Rei) , paxe grande, carabelo de ribeira, cabazo, nasa de francelos, piteira, paxe, patelas (4 unidades), cesto culeiro, cesto do ferrado, carrá, cestiña de Nande (Samos) e diferentes cestos procedentes do Val do Dubra e mesmo da Coruña.