Deputación de Lugo

María Castro, actriz galega gañadora do Ondas á Mellor intérprete, presentará a Gala Muralla Moda 2010

Imaxe deputación de lugo
A actriz con orixes en Lugo, recoñecida en España polo seu papel en Sin Tetas no hay paraíso, conducirá a gala benéfica

As entradas xa están á venda no Centro de Interpretación da Muralla, e en Dulce Locura, establecemento lucense que propuxo esta iniciativa ó organismo provincial María Castro, a recoñecida actriz galega gañadora do último premio Ondas á Mellor intérprete feminina de ficción nacional polo seu papel na serie Sin Tetas no hay paraíso, será a presentadora da Gala Muralla Moda 2010. A actriz con orixes en Lugo conducirá o espectáculo benéfico co que Deputación e Concello, xunto ó establecemento lucense Dulce Locura, promocionan ó exterior a Muralla dentro de Lugo 10, o programa municipal que conmemora o 10º aniversario do Monumento como Patrimonio da Humanidade, e celebran os 15 anos da posta en marcha do Centro de Artesanía e Deseño, dependente do organismo provincial. A actriz, modelo, e presentadora, levará as rendas deste espectáculo que se celebrará o vindeiro 19 de abril, ás 21:00 horas, no Círculo das Artes. Xunto a María Castro, os protagonistas deste evento serán os deseñadores Francis Montesinos, -primeiro español premiado coa Agulla de Ouro da Moda-, os lucenses Manuel Bolaño, Sara Lage e Maru Calderón, -participantes na Pasarela Cibeles-, ademais dunha ducia de artesáns da provincia que amosarán os seus últimos traballos coa colaboración de prestixiosas modelos en España, e profesionais lucenses do sector. A gala, que será emitida a nivel nacional e internacional, estará amenizada polo cantante de blues Aaron Lordson, quen actuará con Norbert Fimpel, o saxofonista que acompañará a partir de maio, e por quinta vez, ó cantante británico Joe Cocker na súa xira mundial despois de tocar xunto a outras figuras como James Brown ou Supertramp. As entradas, cuxo prezo ascende ós 25 euros, xa están á venda no Centro de Interpretación da Muralla, -na praza do Campo 11-, e en Dulce Locura, -na rua Salvador de Madariaga 1-, o establecemento lucense que propuxo á Deputación a organización desta Primeira Edición da Gala Muralla Moda. María Castro María Castro naceu en Vigo malia que mantén estreitos vínculos coa provincia. A familia de súa nai é de Lugo, e é curmá da recoñecida modelo e presentadora lucense Silvia Jato. Foi atleta na modalidade de Ximnasia Rítmica, e incluso se fixo co campionato galego. Estudou a Diplomatura de Maxisterio de Educación Física, e a Licenciatura en Ciencias de Actividades Físicas e Deporte. Antes de dedicarse a tempo completo á interpretación, foi profesora de Ximnasia. Comezou a súa formación como actriz coa axuda da Asociación de actores, directores, e técnicos de escena de Galicia, estudos que compaxinou con clases de danza contemporánea, ballet clásico, moderno, e hip-hop. Apareceu por primeira vez en pantalla como azafata nun programa do canal local Televigo. Acadou a popularidade na Comunidade grazas ó papel de Paula Barreiro en Pratos Combinados. Os cinco anos que traballou nesta serie da TVG, fixeron de trampolín para traballar no teatro, nos sectores da publicidade, moda, dobraxe, e para saltar ó cine. Participou en películas como: Los muertos van deprisa, Días Azules, El Blanco Roto, ou La vida mancha. Acadou a fama a nivel nacional, e mesmo o Premio Ondas á Mellor intérprete feminina de ficción nacional 2009, mediante a interpretación de Jéssica, persoaxe de Sin Tetas no hay paraíso. Actualmente, estuda Arte Dramático na escola madrilena de Cristina Rota, e representa o papel de Mollie Ralston na obra de Agatha Christie La ratonera no teatro Reina Victoria de Madrid xunto a actores como Gorka Otxoa, Leo Rivera, Paco Churrura, Aroa Gimeno, Álvaro Roig, Maribel Ripoll, e Guillermo Muñoz.