Deputación de Lugo

A Deputación mellorará a seguridade vial da rede provincial coa sinalización horizontal de 140 quilómetros

O goberno provincial investirá 270.000 euros na mellora dun treito da estrada entre Friol e Parga incluído no POS 2008

A Xunta de Goberno deste venres aprobou a contratación de obras de sinalización horizontal de 140 quilómetros de vías provinciais. O voceiro do grupo provincial socialista, Antonio Gato, destacou que se mellora así claramente a seguridade vial das estradas que contarán cunha boa sinalización. O organismo provincial destina 100.737 euros para estes traballos que inclúen pintura reflectante en bordes de 140 quillómetros e en 469 metros cadrados de cebreados, letras etc. Gato Soengas lembrou que esta actuación está relacionada coa resolución do contrato á empresa PACASA por incumprir os prazos previstos. Esta empresa deixou sen pintar a maioría dos 224 quilómetros de vías contratados polo que houbo que sacar de novo a contratación a pintura das estradas que quedaron sen facer. Con repecto á mellora da atención das incidencias nas estradas provinciais, neste caso ás da zona da Montaña, aprobáronse dous proxectos modificados de dous contratos de obras de conservación de 2007. O primeiro modificado, correspondente ós Concellos de Quiroga, Ribas do Sil, Pedrafita do Cebreiro e Folgoso do Courel, foi adxudicado por 201.328 euros, un 19,27% máis que o proxecto inicial; no segundo caso, nos Concellos de Baralla, Becerreá, As Nogais, Triacastela e Cervantes, o modificado adxudícase por 202.058 euros, un 19,73% máis. O incremento do presuposto é debido a que se aumentaron os recursos que se destinan á mellora da viabilidade e a atención de emerxencias nestes Concellos da Montaña que teñen especial dificultade, sobre todo, no inverno, apuntou Gato Soengas. Na xuntanza deste venres tamén se aprobou o proxecto técnico e a contratación das obras de acondicionamento dun treito de 2,190 quilómetros da estrada provincial de Friol a Parga, incluído no POS 2008. O presuposto é de 268.996,90 euros. Máis vixilancia nos edificios da Deputación O goberno provincial adxudicou provisionalmente ó contrato do servizo de vixilancia e control do Pazo de San Marcos, Museo Provincial, Fogar de Santa María e Pazo dos Deportes por 825.996 euros á empresa CETSA Seguridad. O voceiro do grupo provincial socialista lembrou que este contrato inclúe importantes novidades: implantarase por primeira vez un sistema de videovixilancia cun total de 46 cámaras; incrementarase nun 53% os número de vixilantes, que pasarán de 15 a 23; incluirase por primeira vez a seguridade do edificio do Fogar de Santa María, que é a sede do INLUDES e da Área de Infraestruturas; e haberá un control das visitas ó Museo Provincial e ó Pazo de San Marcos. Por outra banda adxudicouse provisionalmente o servizo de edición e impresión do Boletín Oficial da Provincial a El Progreso por 267.700 euros. Por último, a Xunta de Goberno acordou a comparecencia da Deputación nun recurso contencioso-administrivo por reclamación patrimonial en relación a un accidente de tráfico sucedido nunha estrada provincial no Concello de Paradela a consecuencia do cal o conductor quedou tetrapléxico. O sinistro tivo lugar o 10 de maio de 2005 na estrada provincial 4201, de Pacios por Mosteiro Vello á LU-611, cando o coche que conducía un mozo de 18 anos se empotrou contra un tractor á saída dunha curva. No atestado da garda civil apúntase la velocidad inadecuada para el trazado y estado circunstacial de la vía por parte del conductor. O demandante reclama á Deputación unha indemnización de 1.072.678,90 euros pero a institución provincial, baseada no atestado da garda civil, desentimou o recurso. Lamentamos este desgraciado accidente pero entendemos que a Deputación non ten ningunha resposabilidade e debemos velar polos intereses da institución, dixo Antonio Gato.