Deputación de Lugo

A Vicepresidenta Segunda da Deputación clasura as I Xornadas Galegas de Termalismo Rexional

Imaxe deputación de lugo
Lara Méndez destacou que o termalismo e o medioambiente permiten que Lugo sexa un atractivo turístico para o resto de Galicia e España

A Vicepresidenta Segunda da Deputación, Lara Méndez, clausurou este sábado as I Xornadas Galegas de Termalismo Rexional que se desenvolveron desde onte no Balneario Termas Romanas de Lugo. Lara Méndez felicitou á organización polo evento, xa que “non podemos esquecer que a provincia de Lugo conta cunha poboación avellentada, polo que os achaques de saúde son tamén maiores; dobre motivo para que esta Reunión fose de notable interés para todos nós”. Distintos especialistas disertaron estes días sobre as principais indicacións e contraindicacións da terapia termal, a historia e situación actual dos balnearios galegos e o tratamento termal en patoloxías reumatolóxica, respiratoria e dermatolóxica. Neste senso, a Vicepresidenta Segunda subraiou que “coincidirán comigo en que vivimos nunha sociedade na que o estrés, o ritmo de traballo…. fan que cada vez necesitemos de máis momentos de relax e de tranquilidade. Sen dúbida, as Termas Romanas e a provincia de Lugo invitan ó descanso, non hai máis que velo”. Asimesmo, a responsable da Área de Promoción Económica e Emprego destacou que Lugo é unha provincia na que o termalismo ten unha forte presenza, o que permite que sexamos un atractivo turístico neste eido para o resto de Galicia e mesmo para España. “A propiedade curativa das nosas augas fai que sexamos un atractivo turístico para o resto de Galicia e de España. O lugar no que nos atopamos, as Termas Romanas, o Balneario de Guitiriz, o de Vilalba….. Distintas ofertas que deixan ben ás claras que Lugo conta cun grande patrimonio turístico e medioambiental. Non podemos esquecer, ademais, que o 55% da provincia está declarada pola UNESCO como Reserva da Biosfera”. Deste xeito, especialistas en Hidroloxía Médica, Reumatoloxía, Neumología, Farmacia e distintos directores médicos de balnearios de Galicia déronse cita no centro termal lugués. A este respecto, a Vicepresidenta Segunda da Deputación, explicou que “o novo equipo de goberno da Deputación están abrindo a institución a todos os que, como vostedes, fan posible que os nosos cidadáns teñan unha mellor calidade de vida. Como di o lema da Deputación de Lugo, Sumando Esforzos é a única maneira de que consigamos o mellor para a nosa sociedade”.