Deputación de Lugo

A ÁREA DE CULTURA DA DEPUTACIÓN DESTINARÁ 75.000 EUROS AOS CONSERVATORIOS DE MÚSICA MUNICIPAIS

Os concellos de Viveiro, Vilalba e Monforte recibirán 25.000 euros cada un para sufragar os gastos derivados do funcionamento dos conservatorios de música

O vicepresidente primeiro da Deputación realizou unha visita institucional ao concello de Vilalba e aproveitou para coñecer as instalacións dun dos tres conservatorios de música municipais de Lugo O vicepresidente primeiro da Deputación, Antón Bao, realizou unha visita institucional ao Concello de Vilalba onde foi recibido polo alcalde e por membros da corporación. Logo de realizar unha visita ás dependencias municipais, o vicepresidente departiu no salón de plenos cos ediles e co alcalde popular, Gerardo Criado, e ámbos fixeron declaracións aos medios de comunciación tras un intercambio de agasallos institucionais entre o vicepresidente primeiro da Deputación e o alcalde da vila. Nunha pequena rolda de prensa Antón Bao informou do compromiso, da Área de Cultura e Deportes da Deputación, de aportar un total de 75.000 € neste ano 2008 para contribuir a que os concellos de Lugo, que teñen conservatorios de música, poidan mantelos cun menor esforzo orzamentario. Neste momento tres concellos, Viveiro, Vilalba e Monforte, manteñen conservatorios de música con ensinanza regrada, cada un deles recibirá, da Área de Cultura e Deportes, 25.000 euros con cargo aos orzamentos da Deputación do ano 2008. Segundo Antón Bao “o noso compromiso nas áreas que gobernamos na Deputación vai dirixido a apoiar as accións dos concellos e do goberno galego, entendemos que asumir parte do custo destes centros formativos é un obxectivo incuestionable de cara á mellorar da oferta formativa e cultural das comarcas de Lugo”. Bao destacou que a ubicación destes tres conservatorios, que complementan a oferta de formación musical regrada na provincia, é óptima xa que están perfectamente distribuídos nas comarcas de A Mariña, do centro e do sur de Lugo.