Deputación de Lugo

A UXT da Mariña homenaxea a Lara Méndez no “Día Internacional da Muller Traballadora”

Imaxe deputación de lugo
No acto, que se desenvolverá o vindeiro luns, a Vicepresidenta Segunda da Deputación recibirá esta distinción que concede cada ano a organización sindical

A Unión Comarcal Costa Lucense de UXT homenaxeará á Vicepresidenta Segunda da Deputación, Lara Méndez, no “Día Internacional da Muller Traballadora”. Cada ano, esta organización concede esta distinción a unha muller da Mariña Luguesa como recoñecemento ó traballo desenvolvido en distintas áreas. O acto terá lugar o luns, 9 de marzo, ás 12:00 horas no Salón de Conferencias do Concello de Burela. En 2008 a Unión Comarcal concedeulle esta distinción á responsable do Comité de Empresa de Turismo de Ribadeo, Marta Alonso. O acto será conducido por Patricio Otero, responsable da Unión Comarcal Costa Lucense de UXT. O 8 de marzo é recoñecido mundialmente como o “Día Internacional da Muller”. Esta data supón unha homenaxe a todas aquelas mulleres proletarias que arriscaron a súa vida por facer cumprir a súas demandas, de xeito que se conmemora a súa loita en pé da igualdade co home, na sociedade e no desenvolvemento íntegro como persoa. Recoñecida por Nacións Unidas é festa nacional nalgúns países. Este Día xurdiu a finais do século XIX, en plena Revolución Industrial e en auxe do movemento obreiro.