Deputación de Lugo

O Vicepresidente Primeiro da Deputación clausura o 1º Curso de Galego para inmigrantes realizado para centros penitenciarios en Lugo

Antón Bao visitou o centro penitenciario de Bonxe para entregar en man esta tarde os diplomas acreditativos do curso de galego para inmigrantes aos 22 alumnos que completaron o curso

O Vicepresidente Primeiro da Deputación, Antón Bao, clausurou esta tarde o primeiro curso de galego para inmigrantes que se realizou na penitenciaría de Bonxe e entregou o diploma acreditativo aos 22 alumnos que completaron as 30 horas de formación que comprendía o curso. Esta non é a primeira vez que desde a Área de Cultura da Deputación se poñen en marcha cursos de galego para inmigrantes, pero si a primeira na que os destinatarios obxecto do curso son exclusivamente poboación reclusa. Este curso de iniciación ao galego, que levou por nome A nosa lingua, faina túa! e foi totalmente gratuíto, tivo unha duración de 30 horas teórico-prácticas, nas cales se lle ofreceron aos inmigrantes as canles necesarias para acadar un bo dominio da lingua galega, tanto na faceta oral como na escrita, propiciando unha formación nunha segunda lingua útil para a vida diaria. Outro dos obxectivos que se perseguía coa realización destes cursos era lograr que os alumnos acadasen un certo coñecemento da cultura galega, que lles permita ubicarse no novo espazo que ocupan. Antón Bao manifestou que se procuraba que estes cursos servisen para “tender unha ponte cultural” de xeito que a poboación que acaba de chegar ao noso país sufra en menor medida o impacto entre culturas. Antón Bao afirmou que “estes cursos facilitan a integración dos inmigrantes na sociedade galega, evitando que vexan no idioma un atranco e o adquiran para eles como unha oportunidade”. Neste camiño, apuntou que é un deber das administracións públicas facilitar ás persoas que chegan ao noso país os medios necesarios para a aprendizaxe do noso idioma, algo que sen dúbida redunda en beneficios para os inmigrantes e para a propia poboación local en aras da inserción laboral non traumática.