Deputación de Lugo

A Xunta de Goberno da Deputación aproba investimentos por preto de 13 millóns de euros

O organismo provincial adxudica obras do POS 2008 por 1,7 millóns de euros e a ampliación da EIEL por 384.000

A Xunta de Goberno deste venres tomou acordos por valor de preto de 13 millóns de euros. A conservación integral da rede viaria provincial, a adxudicación de 4 obras do POS 2008 e a ampliación da Enquisa de Infraestruturas e Equipamentos Locais (EIEL) para os Concellos foron os destinatarios destes importantes investimentos. Desta cantidade, 10,6 millóns serán para a contratación das obras de conservación integral da rede viaria provincial, que suma 4.199 quilómetros. O voceiro provincial do grupo socialista, Antonio Gato Soengas, destacou que o principal obxectivo destes contratos “é a seguridade vial e por elo, atenderanse todas as incidencias que se produzan nas estradas da Deputación a calquera hora do día e calquera día do ano”. Por outra banda, adxudicáronse definitivamente 4 obras correspondentes ó POS 2008 por un valor total de 1.742.993 euros. Trátase de traballos de acondicionamento dos accesos en Chao de Bravos, Piñeiro, Cargadoiro, Igrexa de Xerdiz e Igrexa de Miñotos, no Concello de Ourol, adxudicados por 78.449 euros; dun treito de 9 quilómetros da estrada provincial de Cereixal a Louxas, nos Concellos de Becerreá, Baleira, Navia de Suarna e A Fonsagrada, por 747.645 euros; de 5,8 quilómetros da estrada provincial da Pobra de San Xiao ó Páramo, por 418.700 euros; e de 3,2 quilómetros da estrada Feira do Monte a Castro, nos Concellos de Cospeito e Castro de Rei, por 498.200 euros. Ampliación da EIEL Polo que se refire á EIEL, a Xunta de Goberno acordou destinar 383.960 euros para a súa ampliación e adxudicar os traballos á USC. “Este documento supón un instrumento básico para a planificación dos recursos das distintas administracións nos Concellos da provincia”, apuntou Antonio Gato. A Enquisa contén información sobre os 2.723 núcleos de poboación da provincia. Analiza e valorar as necesidades de dotacóns locais para efectos de cooperación económica local. É unha arma útil que no pasado estivo vencellada ós Plans Operativos Locais e que “resultará moi últil de cara o futuro, xa que contén información de grande importancia para os Concellos”. Outro dos acordos foi a devolución de 5 vehículos alugados para o Parque Móbil ata 2010. Estes coches súmanse ós 13 que xa se devolveron a finais do ano pasado, o que en total supón un aforro de 400.000 euros. Gato Soengas dixo que “estes vehículos eran innecesarios, o que demostra a falla de rigor no gasto por parte do anterior goberno. A modificación do contrato suponlle á Deputación un custo de 6.000 euros pero, a cambio, aforra 400.000”. Tamén se aprobaron 9 contas xustificativas de obras de Plans de Comunidades Veciñais dos anos 2005, 2006 e 2007, que suman un presuposto de 65.419 euros, dos que a Deputación subvenciona 44.047. Asesoramento ós Concellos O Deputado da Área de Cooperación cos Concellos anunciou que se enviará unha comunicación a todos os municipios da provincia, “na que suxerimos, especialmente ós de menos de 5.000 habitantes, e sempre respetando a autonomía local, que acudan en 2008 á contratación das prazas necesarias nos seus cadros de persoal tendo en conta as restriccións á contratación de persoal de todas as administracións locais previstas no Proxecto de Lei de Orzamentos Xerais do Estado para 2009”. Gato Soengas apuntou que “por parte da FEMP presentáronse enmendas respecto a este proxecto de lei, que probablemente teñan éxito no marco de diálogo, pero no caso de que esto non sexa así, propoñemos ós Concellos, como solución posible, ir á creación das prazas necesarias e á aprobación da correspondente a Oferta de Emprego Público antes do 31 de decembro de 2008”.