Deputación de Lugo

Gómez Besteiro e Ricardo Varela asinan as bases para crear unha Escola Obradoiro e unha UPD no INLUDES

A Consellería de Traballo subvenciona con preto dun millón de euros as dúas iniciativas impulsadas polo Instituto de Desenvolvemento Económico e Social

O Presidente da Deputación destacou que “daremos formación teórica e práctica sobre contidos relacionados coa atención sociosanitaria a persoas no fogar e, na UPD, realizaremos unha análise do tecido empresarial da provincia” O titular de Traballo anunciou que o Departamento autonómico investirá en 2009 65 millóns de euros na provincia de Lugo O Presidente da Deputación, José Ramón Gómez Besteiro, e o Conselleiro de Traballo, Ricardo Varela, asinaron este venres as bases para a posta en marcha da escola obradoiro Servizos á Comunidade e da Unidade de Promoción e Desenvolvemento (UPD). O departamento laboral da Xunta de Galicia subvenciona con preto dun millón de euros estas dúas iniciativas promovidas polo Instituto de Desenvolvemento Económico e Social, que permitirán a contratación de 5 persoas para activar a unidade, mentres que case 600.000 euros se reservarán para facilitar a formación como auxiliar de axuda a domicilio de 30 alumnos que desenvolverán a súa aprendizaxe no Centro Residencial de San Roque e no de San Vicente. Gómez Besteiro destacou que no primeiro caso, “daremos tanto formación teórica como práctica sobre contidos relacionados coa atención sociosanitaria a persoas no fogar e, no segundo, realizaremos unha análise do tecido empresarial da provincia, desenvolvendo estratexias e metodoloxías de apoio á inserción laboral, principalmente coa creación de iniciativas empresariais e autoemprego”. Previamente, o responsable provincial acompañado do titular de Traballo, da Vicepresidenta Segunda da Deputación, Lara Méndez, e do Delegado da Consellería de Traballo en Lugo, Miguel Ángel López Calvo, visitaron o Centro de Artesanía e Deseño da Deputación. A Escola dispón de 3.840 horas de formación e ten unha duración de 2 anos. Estará en funcionamento desde o 30 de decembro de 2008 ata o 29 de xuño de 2010. Os destinatarios da mesma son desempregados menores de 25 anos. Durante os seis primeiros meses os alumnos percibirán unha bolsa de formación de nove euros por día de formación e nos últimos anos faráselles un contrato de formación inicial de seis meses prorrogable por outros seis. Asimesmo, o máximo mandatario provincial, subraiou que no ciclo económico actual as Deputacións non poden eludir a súa responsabilidade. Gómez Besteiro engadiu que “a través da UPD tamén se realizará unha análise do tecido empresarial da provincia, desenvolvendo estratexias e metodoloxías de apoio á inserción laboral, principalmente coa creación de iniciativas empresariais e autoemprego. En definitiva, traballaremos cos Concellos na elaboración de proxectos relacionados coa creación de emprego estable e a mellora do desenvolvemento socioeconómico deste, facendo fincapé nos municipios máis desprotexidos”. Pola súa banda, a Consellería de Traballo destinará ao longo do vindeiro exercicio un investimento de 65,2 millóns de euros ó desenvolvemento de políticas activas de emprego, de prevención de riscos e de formación profesional na provincia de Lugo. Esta cantidade conleva un incremento dun 11% respecto dos orzamentos para a provincia lucense no ano 2008. En concreto, desta cifra global, o departamento que dirixe Ricardo Varela investirá 39,5 millóns de euros para a posta en marcha de programas de formación-emprego, incentivos á contratación de mozos e mozas, así como para favorecer a integración laboral das persoas discapacitadas, o autoemprego e o emprendemento. A previsión é que máis de 5.500 lucenses se beneficien destas accións. Por outro lado, as actividades de formación e as medidas de orientación, ás que se acollerán un total 14.000 persoas (das que 7.500 serán mulleres) contarán cunha partida de máis de 20 millóns de euros. Asemade, para medidas de prevención de riscos laborais a Consellería de Traballo investirá preto de 2 millóns de euros e 1,5 millóns de euros se dedicarán ao fomento do cooperativismo. Mellor comportamento da contratación indefinida Varela destacou o esforzo que está a facer o Goberno galego para que a crise económica non supoña precarización. Nese senso, recordou que nos pactos sectoriais de estabilidade (nos que o incremento de contratación indefinida case duplicou a media de incremento de estabilidade –un 8,9% fronte a un 4,5%-) investiranse en toda Galicia ata o ano 2009 case 87 millóns de euros, o que implica un incremento dun 6,3% máis do comprometido no Diálogo Social. Asemade, nos dous últimos anos, incrementouse a estabilidade na Comunidade en 4,5 puntos, o que supón manter o ritmo previsto nos acordos do Diálogo Social. Varela explicou que mantendo esta liña de actuación a finais de 2009 acadaranse os obxectivos previstos de incrementar en 10 puntos a estabilidade. O titular de Traballo manifestou que, en particular, no que vai de ano, a provincia de Lugo rexistrou preto de 10.000 contratacións indefinidas, un 15,1% do total dos contratos rexistrados en Galicia. O representante do Goberno galego aclarou que naqueles sectores nos que se teñen acadado un pacto de estabilidade, o comportamento da contratación indefinida no que vai de ano da provincia de Lugo é mais positiva que as cifras que revela no conxunto de Galicia. A modo de exemplo, Varela agregou que o sector agroforestal da provincia de Lugo ten unha contratación indefinida do 22%, mentres que no conxunto da Comunidade é dun 13,5%. A actividade da madeira ten unha variación do 18,4%, xa que na provincia a cifra de contratos indefinidos é dun 41,6%, e no metal a variación ascende a 10,3%, xa que no conxunto de Galicia a porcentaxe de contratación é dun 15,9%, sentenciou. Filosofía dos pactos sectoriais de estabilidade Os pactos sectoriais de estabilidade foron, precisamente, un dos primeiros froitos do Diálogo Social. No inicio do proceso, a Consellería de Traballo determinou a necesidade de vincular os incentivos á contratación ao mantemento dunhas determinadas taxas de estabilidade. No ano 2006 a taxa coa que se iniciou o proceso foi do 70%. En 2008 a taxa esixida é do 75%. O obxectivo era que as empresas cunha meirande calidade de emprego se beneficiaran dos incentivos. Esa taxa xeral, en todo caso, suscitaba un problema ós sectores que tiñan unha elevada estacionalidade, xa que quedaban fóra da política de incentivos da Consellería. Para evitar este inconveniente, e tamén para achegar as taxas destes sectores á media de Galicia, xurdiron os pactos sectoriais de estabilidade. Nese senso, a Consellería de Traballo consideraba que se a patronal e os sindicatos acordaban unha taxa propia para determinadas actividades produtivas, ese sería o obxectivo que terían que acadar as empresas para acceder a unha liña específica de incentivos. Entre os sectores escollidos pola Consellería de Traballo estaban o téxtil e a confección, a construción, o comercio e a hostalería, debido a que neles dábase unha estacionalidade importante.