Deputación de Lugo

A Fundación TIC colabora cos emigrantes galegos de Sestao a través da difusión dun vídeo do concerto que ofrecerán dúas agrupacións viscaínas na provincia

Imaxe deputación de lugo
As corais Saudade e Orfeón de Sestao interpretarán cancións do Camiño de Santiago ó seu paso por Lugo

A Fundación de Novas Tecnoloxías da Información e Comunicación (Fundación TIC) da Deputación de Lugo colaborará cos emigrantes galegos residentes en Sestao (Viscaia) coa difusión dun vídeo do concerto que ofrecerán a Agrupación Hijos de Galicia, Coro Saudade o Orfeón da localidade viscaína, que terá lugar a vindeira fin de semana. Os lugares elexidos para o concerto son Lugo, Palas de Rei e Guitiriz. Deste xeito, a primeira actuación celebrarase o sábado 25 de outubro ás 13:00 horas no pavillón de Palas de Rei e a segunda, ás 20:30 horas, no Círculo das Artes de Lugo. Asimesmo, o domingo 26, as dúas corais ofrecerán o derradeiro recital ás 12:30 horas na Igrexa de Santa María de Guitiriz. Neste último caso, o concerto é complementario á exposición de artesanía que tamén permanece neste Concello e na que traballaron centenarios que naceron neste municipio lugués, pero que residen en Sestao. Ó concerto está previsto que asistan o Alcalde de Sestao, José Luis Marcos Merino, e tres membros da Corporación municipal. As agruacións interpretarán cancións do Camiño de Santiago ó seu paso pola provincia de Lugo: ruta da Prata (Palas de Rei), Camiño Primitivo (Lugo) e Camiño Norte (Guitiriz). A iniciativa está organizada pola Agrupación “Hijos de Galicia de Sestao”. Esta formación está integrada por 450 socios, dos que o 80% son lugueses residentes no Concello viscaíno, municipio que xunto con Baracaldo recibiu o maior número de emigrantes galegos, fundamentalmente das provincias de Lugo e Ourense, nos anos 60.