Deputación de Lugo

A Deputación atende medio cento de incidencias en estradas provinciais de 11 Concellos

Imaxe deputación de lugo
As chuvias caídas nos últimos días provocaron asolagamentos en calzadas, caídas de árbores e desprendementos de terra

A Deputación de Lugo, a través das empresas contratadas para atender as incidencias que teñen lugar nas estradas da provincia, actuou en preto de medio cento de casos que se produciron nos últimos días por mor das intensas chuvias. Desde o pasado venres atendéronse incidencias de diversa índole en vías dos Concellos de Abadín, Alfoz, Barreiros, A Fonsagrada, Lourenzá, Mondoñedo, A Pontenova, Ribadeo, Riotorto, Trabada e O Valadouro. Na estrada entre Abadín e O Valadouro, no treito de Ferreira ó Cadramón, derrubouse parte da estrada, polo que houbo que cortar un dos carrís, unha actuación que está debidamente sinalizada. O sábado tamén houbo dous cortes de tráfico, neste caso por asulagamentos en vías de Alfoz, un problema que xa estaba resolto ó día seguinte. Ademais, os operarios retiraron terra e pedras que caeron sobre varias calzadas por mor de desprendementos; limparon cunetas e taxeas para desaugar bolsas de auga que asolagaban varios puntos; retiraron tres árbores que entorpecían o tráfico en estadas de Ribadeo e Lourenzá, e un corzo que foi atropelado en Alfoz. Todas as incidencias foron debidamente sinalizadas. Por outra banda, en Ribadeo, está cortada ó tráfico a estrada provincial 5203 que discurre paralela á costa, un problema que non está relacionado coas chuvias, senón coas mareas vivas que asolagan tanto a estrada como a vía do tren cada vez que teñen lugar estas mareas. O desvío provisional do tráfico é pola estrada local que pasa por Porto e Arante.