Deputación de Lugo

A Deputación promoverá o uso da marca “…E, para comer, Lugo” nas distintas áreas da institución

Antonio Veiga resaltou a necesidade de que as administracións apoien os colectivos asociativos e ás súas iniciativas

O delegado da Área de Cultura e Deporte da Deputación, Antonio Veiga informou na rolda de prensa posterior á Xunta de Goberno da aprobación da proposta presentada pola Asociación Provincial de Empresarios de Hostalería de Lugo na que se instaba a que “as distintas áreas do organismo institucional empreguen a marca …E, para comer, Lugo en todos aqueles eventos que impulsen ou promovan, dándolle o tratamento oportuno para facelo compatible con cada unha delas”. As Áreas de Cultura e Turismo, dependentes da Vicepresidencia Primeira e Terceira, respectivamente, apoiaron esta iniciativa que tentan potenciar a gastronomía e o sector turístico lucense. No transcurso da rolda de prensa, Antonio Veiga salientou a necesidade de que as administracións apoien as asociacións e as súas respectivas iniciativas. Logo disto, Antonio Veiga lembrou que Lugo é un dos mellores exemplos de como a nosa cociña atrae a centos e centos de visitantes cada ano. A calidade dos produtos da terra e a capacidade innovadora dos empresarios lucenses xustifican en boa medida estes feitos, asegurou. Por iso, o delegado da Área de Cultura e Deporte da Deputación defendeu o uso dun lema convertido xa en marca “…E, para comer, Lugo” que “define” e “exemplifica” os obxectivos desta iniciativa propiciada pola Asociación Provincial de Empresarios de Hostalería de Lugo. En relación coa proposición aprobada este venres na Xunta de Goberno da Deputación, Veiga tamén lembrou, xa de xeito informal, que a Asociación Provincial de Empresarios de Hostalería de Lugo conta cun apartado de seu na caseta “Lugo Terra de Todo Natural” que a Área de Turismo, dependente da Vicepresidencia Terceira da Deputación de Lugo, despraza ás distintas feiras e eventos de promoción turística que se organizan en Galiza e fóra dela. Rehabilitación da primeira planta do Museo Provincial A maiores, o delegado da Área de Cultura e Deportes da Deputación tamén informou da aprobación da proposta de contratación das obras de adecuación da planta baixa do Museo Provincial de Lugo que contan cun orzamento cifrado en 98.108,45 euros máis 14.897,35 euros en concepto de IVE, así como a próxima instalación dun circuíto de cámaras de vixilancia neste mesmo edificio. Ao longo da rolda de prensa, Antonio Veiga tamén comunicou a aprobación da proposta da conta xustificativa da actividade de animación, promoción de desenvolvemento social e cultural do Plan de cooperación con comunidades veciñais pertencentes ao Concello de Vilalba. A maiores, Veiga tamén anunciou a aprobación da modificación das bases que rexerán o procedemento de concorrencia competitiva para a concesión de subvencións destinadas a entidades asociativas e clubs para a realización de actividades deportivas e culturais ao longo do ano 2009. Uns principios avalados polo acordo da Xunta de Goberno do día 27 de febreiro deste ano.