Deputación de Lugo

Veciños da Fonsagrada e O Incio coñecen as vantaxes das novas tecnoloxías nos cursos gratuítos do In Lugo

O Centro de Innovación Social da Deputación leva as accións formativas por toda a provincia para facilitar o acceso ó máximoMáis de 300 persoas xa están anotadas nas 100 xornadas ofertadas, que mostran como comprar en Internet, encontrar emprego ou impulsar un negocioA inscrición pode facerse chamando ó 982-22-51-86, na web www.deputacionlugo.org ou nas instalacións do centro, na rúa Frei Prácido Rei Lemos

Medio centenar de veciños da Fonsagrada e O Incio coñecen as vantaxes que leva consigo o uso das novas tecnoloxías na súa vida persoal e profesional nas xornadas de formación gratuítas que o Centro de Innovación Social, o In Lugo, da Deputación imparte esta semana nestes Concellos. A Casa da Cultura fonsagradina acolle dende o luns e ata hoxe dous cursos: Fácil e sinxelo, ordena as túas as imaxes, música, libros... Crea a túa base de datos particular, e Emprego? Na web encontraralo; mentres que hoxe arrancan outros dous na Sala Multiusos do consistorio do Incio, que continuarán ata o venres: Enciclopedia Mundial, búscao na Rede, e Uso Responsable da Rede (Uso seguro de Internet, menores e familias).

A Fonsagrada e O Incio son dous dos municipios ós que o In Lugo levará a nova programación formativa que arrancou esta semana. De feito, distribúe as xornadas por toda a provincia para facilitar ó máximo o acceso ás mesmas. Así, ademais de nos municipios fonsagradino e do Incio, impartiranse ata finais de ano cursos en Lugo, Palas de Rei, Viveiro, A Pobra do Brollón, Foz, Láncara, Mondoñedo, Guitiriz, A Pastoriza, Monforte, Becerreá, A Pontenova, Pedrafita, Burela, Monterroso, Vilalba e Sarria.

1.500 prazas

As xornadas espertaron un gran interese entre os veciños da provincia, como demostra o feito de que dende a apertura do prazo, hai menos dunha semana, se anotaron máis de 300 persoas. A oferta componse de 100 accións formativas gratuítas sobre novas tecnoloxías con preto de 1.500 prazas. Os participantes aprenderán como sacar o máximo partido ás novas tecnoloxías, tanto na vida persoal, como para atopar traballo ou impulsar un negocio Crear unha base de datos particular ou un blog; como comprar, facer reservas ou operar cos bancos por Internet; fórmulas para encontrar emprego e empregados na Rede; a factura electrónica e a constitución telemática dunha empresa; como posicionarse nas redes sociais; e o manexo de Internet para persoas con discapacidade intelectual son algunhas das temáticas ofrecidas e que, dado o seu forte compoñente práctico, servirán para mellorar a calidade de vida e o benestar dos lucenses, abrir novas oportunidades para encontrar emprego e fortalecer o tecido empresarial da provincia potenciando a competitividade e produtividade das PEMES e autónomos.

Por teléfono, on line ou presencialmente

O Plan Avanza, do Ministerio de Industria, cofinancia as xornadas, que se desenvolverán ata finais de ano. As persoas interesadas en participar poden anotarse por teléfono, chamando ó 982-22-51-86; on line, accedendo á páxina web www.deputacionlugo.org ou ben presencialmente, acudindo ás instalacións do propio In Lugo, situadas na rúa Frei Plácido Rei Lemos, na segunda planta da Escola de Imaxe e Son (EIS). A inscrición está aberta ata esgotarse as prazas dos cursos, dirixidos a todo tipo de público: mozos e maiores, familias, desempregados, traballadores, emprendedores, empresarios e persoas con discapacidade. Os alumnos recibirán ó finalizar a acción formativa un diploma oficial da Deputación que acredita a súa participación.