Deputación de Lugo

Martínez: “A transparencia chegou á Deputación co actual Goberno. O PP non sabe nin o que significa”

Imaxe deputación de lugo
- O organismo provincial facilita aos populares acceso a información “todos e cada un dos días laborables do ano. É imposible ofrecerlles máis, sen que iso supoña colapsar o funcionamento da Administración”- “Co Partido Popular, esta era unha institución hostil e entorpecedora para o Valedor. Hoxe somos a 6ª Deputación máis transparente de España, como certifica unha organización de prestixio recoñecido como Transparencia Internacional. O salto foi estratosférico”- “Faría ben a voceira do PP en esixir a mesma dilixencia ao seu partido nos concellos onde goberna e na Xunta. O Goberno de Feijóo retén o 95% dos documentos que lle reclama a oposición, e iso por non falar do plasma de Rajoy”

O voceiro provincial socialista, Manuel Martínez, subliñou este mércores que “a transparencia chegou á Deputación co actual Goberno, pois o PP non sabía, e segue sen saber tan sequera o que ese concepto significa”. Martínez respondeu así ás manifestacións do Partido Popular sobre o acceso á información no organismo provincial. O Deputado explicou que no 2014 a institución facilitou ao PP “todos e cada un dos días laborables do ano, todos, acceso a información, e neste 2015 seguimos nesa mesma liña. É imposible ofrecer máis, sen que iso supoña colapsar o funcionamento da Administración”.
O grupo popular pide “tal cantidade de papeis, todos os decretos, todos os acordos e todas as facturas, unha por unha, dende as referidas á compra de folios ata as da conservación da rede viaria provincial, que é inviable ofrecer a información con máis axilidade”, asegurou Martínez. Ante estas solicitudes “indiscriminadas, pensamos que, lonxe de pretender a necesaria fiscalización da labor de goberno por parte da oposición, o PP só busca este tipo de titulares, ou ben bloquear a administración”, engadiu.
O voceiro socialista destacou que o salto en transparencia co actual Goberno provincial “foi estratosférico”. “Co Partido Popular, esta institución foi declarada oficialmente polo Valedor do Pobo como hostil e entorpecedora. Hoxe somos a 6ª Deputación máis transparente de toda España. E non o dicimos nós, certifícao unha organización con prestixio recoñecido como Transparencia Internacional”.
Manuel Martínez recomendou así mesmo á voceira provincial do PP “que esixa a mesma dilixencia que pide á Deputación de Lugo naquelas institucións nas que goberna o seu partido, tanto en concellos como na Xunta, pois precisamente non se caracterizan pola transparencia”. Neste senso, o Deputado lembrou que o Goberno de Feijóo retén o 95% dos documentos que lle reclama a oposición, “por non falar dos constantes vetos do PP a comparecencias de Feijóo ou do plasma de Rajoy”.


Medidas de transparencia
O Goberno provincial mantén dende o 2007 unha firme aposta pola mellora da calidade democrática e a transparencia, por modernizar a administración e facela máis útil aos lucenses. Aprobou un Regulamento Orgánico para garantir a transparencia e facilitar ao máximo o labor da oposición. Por 1ª vez, dispoñen de dous locais de traballo e equipos informáticos, ademais de 3 asesores, cun custe anual para a Deputación de case 122.000 euros. O PP conta tamén con 5 deputados con dedicacións que suman preto de 200.000 euros ao ano. A Deputación dá resposta ás súas peticións de documentación nun prazo de 5 días.
Os deputados da oposición contan cun espazo na Secretaría Xeral para consultar todos os expedientes que require, así como servizo de copia; todas as semanas recibe unha relación do Rexistro de Entrada de Documentos, a orde do día e a acta das Xuntas de Goberno; e consulta todos os decretos e resolucións da Presidencia. A oposición pasou a estar en todas as mesas de contratación; e a Xunta de Voceiros, que nunca se reuniu nos 24 anos do Goberno provincial do PP, agás tras o Pleno posterior á toma de posesión, agora convócase para todos os asuntos de importancia para a provincia.
Sen embargo, a oposición non aproveita todos estes mecanismos de participación e mostra deixamento da súa función fiscalizadora. De feito, a Deputación ten documentado as numerosas ausencias dos Deputados do PP, tanto en mesas de contratación, como nos Consellos de Administración de SUPLUSA, reunións do padroado da Fundación TIC ou do Consello do INLUDES -cando existía-. O PP nunca ten substituto, é dicir o seu posto queda vacante nestes órganos institucionais, polo que o seu papel non o cumpre ninguén.
Ademais, o actual Presidente foi quen empezou a comparecencia anual da Deputación de Lugo no Parlamento de Galicia para explicar os orzamentos, pois o anterior Goberno provincial negouse a facelo, restándolle lexitimidade á Cámara autonómica.
A Deputación contesta agora en prazo a todas as peticións do Valedor, cando o PP nin recoñecía esta figura. Como exemplo, nos últimos tres anos dos populares á fronte do Goberno provincial –de 2003 a 2006- quedaron sen responder a metade das solicitudes do Valedor, que chegou a pedir ata 5 veces a mesma documentación sen obter ningunha resposta.