Deputación de Lugo

Rapaces do campamento da Xunta A Devesa coñecen o Centro de Artesanía e Deseño

Imaxe deputación de lugo
O Centro de Cestería do río Rato acolle o curso de cestería de médula de roten e vimbio, o segundo dos catro que se imparten dentro da programación de verán e nos que a modalidade é a mesma

50 nenos de Portomarín coñecerán o Centro de Interpretación, incluído na Reserva da Biosfera Terras do Miño 75 rapaces participantes nos campamento da Xunta de Galicia “A Devesa”, visitaron este luns o Centro de Artesanía e Deseño da Deputación. Os nenos, con idades comprendidas entre os 10 e o 12 anos, estiveron acompañados de 12 monitores. Fixeron un percorrido polas instalacións, dependentes da institución provincial, e polos distintos obradoiros do Centro: téxtil, o de instrumentos musicais –que foi distinguido pola administración autonómica como Colección Visitable- moble artesán e do libro. Precisamente, estes días continúa tamén no Centro de Cestería do río Rato o curso de médula de roten e vimbio, que imparte a artesá Carmen Fieiras e que se desdenvolve ata o 31 de xullo de 16:30 a 20:30 horas. Os participantes están a elaborar cestos de médula sobre base de madeira, base tecida, redonda e base ovalada. Deste xeito, descubren unha técnica na que se emprega a médula de roten, madeira tropical, de orixe asiática, cuia versatilidade permite que sexa máis manexable que outros materiais como o vimbio. Dentro da programación de verán, este é o segundo curso que se imparte dos catro previstos nos que se trata esta modalidade. O terceiro desenvolverase dende o 3 ó 14 de agosto e, o último, desde o 17 ó 28 desde mesmo mes. A cestería tradicional catalá de palla centrará os dous últimos cursos do CENTRAD para os meses vacacionais. Visita ó Centro de Interpretación 50 rapaces de Portomarín, con idades comprendidas entre os 9 e os 11 anos, visitarán mañá o Centro de Interpretación do río Rato, así como o contorno do Paseo do río Rato, incluído na Reserva da Biosfera Terras do Miño. Os nenos participarán nunha visita guiada na que técnicos do Instituto Lucense de Desenvolvemento Económico e Social (INLUDES) amosarán ós alumnos a calidade ambiental e a riqueza natural da zona, así como a variedade florística, representadas polos bosques da ribeira, árbores centenarias, prantas acuáticas, etc. Con esta visita, a Deputación promove o coñecemento e a interpretación do medio natural, cultural e etnográfico de Terras do Miño, incluído na Rede Mundial de Reservas da Biosfera o 7 de novembro de 2002. Os escolares terán a oportunidade de descobrir este espazo natural que conta cunha superficie de 363.669 hectáreas. Terras do Miño foi a primeira Reserva da Biosfera declarada en Galicia e unha das máis extensas de España. Abarca o 39% do territorio de toda a provincia e inclúe 26 Concellos: Ourol, O Valadouro, Muras, Alfoz, Mondoñedo, Abadín, Xermade, Vilalba, A Pastoriza, Riotorto, Guitiriz, Cospeito, Meira, Begonte, Rábade, Castro de Rei, Outeiro de Rei, Pol, Lugo, Friol, Castroverde, Guntín, O Corgo, Baralla, O Páramo e Láncara.