O Goberno da Deputación defende a inclusión da Linguaxe de Signos na educación obrigatoria
O voceiro do Goberno da Deputación de Lugo, Álvaro Santos Ramos, presentou este venres, xunto ao Presidente da Asociación de Personas Sordas de Lugo (ASORLU), Brais Vila, a moción que o grupo provincial socialista levará ao vindeiro Pleno Provincial en defensa da inclusión da Linguaxe de Signos na educación obrigatoria.
Santos Ramos sinalou que vamos a instar tanto á Xunta de Galicia como ao Ministerio de Educación a que impulse a introdución da Linguaxe de Signos na ensinanza obrigatoria, non só no ámbito dos estudantes, senón tamén do profesorado.
Pola súa parte, Brais Vila agradeceu ao grupo provincial socialista esta iniciativa. A moción é un pequeno gran paso porque o colectivo xordo, que é practicamente invisible. Temos un problema na comunicación e vivimos nun mundo de oíntes. Se dende pequenos se ensinara pouco a pouco a linguaxe de signos aforraríase moito tempo e recursos máis adiante.
Hai que ter en conta que, segundo datos oficiais da Consellería de Política Social, o número de persoas en Galicia que sofren unha discapacidade sensorial é de case 40.000. Destas, unhas 3.400 son da provincia de Lugo.
Santos Ramos sinalou ademais que dende o Grupo Provincial Socialista cremos nunha sociedade ambiciosa e dinámica, que continuamente debe estar mellorando a oferta de servizos e prestacións en todos os ámbitos e, de xeito transversal, que nos permita, colectivamente, desenvolvernos de xeito xusto, adquirindo novos dereitos e oportunidades que nos igualen a todos os cidadáns.
Neste senso, o voceiro socialista engadiu que consideramos factible e necesario que se avance na introdución e coñecemento na sociedade da linguaxe de signos e facelo dende o sistema educativo na ensinanza obrigatoria, pois será garante de que todos poderán acceder ao coñecemento desta lingua.
A comunidade xorda ten unhas necesidades comunicativas diferentes ás dos falantes que todos coñecemos, pero tamén os falantes de calquera outra lingua temos necesidades comunicativas especiais á hora de relacionarnos con eles, perdendo a oportunidade, non só de compartir, se non tamén de adquirir coñecemento cos membros desta comunidade. Tampouco ninguén é alleo a atoparse en calquera momento da súa vida na situación que requira o coñecemento da lingua de signos para poder comunicarse e empregala no desempeño habitual.
Propostas
Por todo o dito, a moción que o Grupo Provincial Socialista na Deputación de Lugo levará ao debate no próximo pleno recolle os seguintes acordos:
- Impulsar e promover a linguaxe de signos dentro do sistema educativo a través dunha oferta plural de actividades e recursos que faciliten a súa incorporación á formación do alumnado.
- Impulsar e promover a ensinanza da linguaxe de signos no ámbito das posibilidades de formación do profesorados.
- A través da Conferencia Sectorial de Educación, instar ao Ministerio de Educación á promoción da ensinanza da linguaxe de signos no sistema educativo mediante a creación dun programa específico con dotación orzamentaria propia adicado a este fin e dirixido ao alumnado, docentes e familias.
- Promover a inclusión da ensinanza da Lingua de Signos na educación obrigatoria.
A linguaxe de signos ten o recoñecemento de Lingua Oficial dende a aprobación da Lei 27/2007, de 23 de outubro, pola que se recoñecen as linguas de signos españolas e se regulan os medios de apoio á comunicación oral das persoas xordas, con discapacidade auditiva e xordocegas, o que foi un antes e un despois para as persoas afectadas por estas situacións.
Dende o Grupo Provincial Socialista sinalan que todos cantos avances se poidan producir para satisfacer esta necesidade primaria de comunicarnos e relacionarnos con fluidez entre persoas deben ser impulsados polas administracións competentes para elo.