Deputación de Lugo

A Deputación salda dous terzos da débeda histórica con 10 dos 15 Concellos afectados polo canon

Imaxe deputación de lugo
Gómez Besteiro reúnese cos Alcaldes de Taboada e O Saviñao e pecha as obras con cargo ás anualidades 2008-2009 nas que se investen 800.000 euros

O titular do organismo provincial continuará a rolda de contactos cos rexedores dos 5 municipios restantes para acordar as actuacións derivadas do canon A Deputación deixa para o 2010 só un terzo da débeda histórica cos Concellos sen setenza favorable pero cun compromiso firme do actual Goberno O Presidente da Deputación, José Ramón Gómez Besteiro, desprazouse este luns á zona sur da provincia para pechar cos Alcaldes de Taboada, Ramiro Moure (PP), e do Saviñao, Joaquín González (PP), as obras que o organismo provincial acometerá en ambos os dous Concellos con cargo ás anualidades 2008-2009 do canon, e cuxo investimento ascende a 800.000 euros. Gómez Besteiro continou así a rolda de contactos cos rexedores dos Concellos que contan con produción hidroeléctrica, e que, a diferenza de Chantada, non teñen unha sentenza ao seu favor. Deste xeito, a Deputación salda, en pouco máis dun mes, dous terzos da débeda histórica do canon con 10 dos 15 municipios afectados. O organismo pronvincial deixa só un terzo para o 2010. “Paso a paso vaise pechando o canon e nós cumprimos coa palabra dada. Neste mes xa levamos pechadas as obras en 10 Concellos que, á marxe de Chantada, non tinan unha sentenza favorable pero sí a vontade deste goberno da Deputación. Nestes dous Concellos investimos 800.000 euros e nas próximas datas iremos pechando as obras no 5 Concellos restantes”. Ademais de Taboada e O Saviñao, o Presidente da Deputación xa pechou as obras correspondentes ás duas primeiras anualidades do canon nos Concellos de Sober, Monforte de Lemos, Pobra de Brollón, Pantón, Quiroga, Ribas de Sil, Portomarín e O Páramo. Nos vindeiros días, Gómez Besteiro continuará coa rolda de contactos para saldar os dous terzos da débeda antes de final de ano nos Concellos de Paradela, Guntín, Carballedo, A Fonsagrada e Negueira de Nuñiz. Obras do canon A Deputación inviste en Taboada máis de 300.000 euros, concretamente 358.858, dos 538.288 do canon hidroeléctrico total que fará efectivo durante o 2010. No Saviñao, o organismo provincial adica máis de 400.000 euros a este fin, exactamente 419.026. O total da débeda neste Concello ascende aos 628.539. O terzo que queda por pagar, é dicir, os 200.000 euros, investiránse en máis obras durante o vindeiro ano. O rexedor taboadés subliñou que “esta é unha axuda moi importante despois de todas a reivindicacións feitas. Se a Deputación non acometera estas obras terían que ser os Concellos os que se fixeran cargo. Isto é moi importante sobre todo nun momento de crise como o actual, e no que toda colaboración é necesaria”. Pola súa banda, o Alcalde de O Saviñao agracedeu “a decisión e a valentía da Deputación ó acometer as obras do canon que viñamos reivindicando dende hai anos. Benvidas sexan neste momento de crise”. Gómez Besteiro, que salientou que a vindeira semana os técnicos da Deputación desprazaranse ata estes dous Concellos para valorar o importe das obras e comezar a licitalas, subraiou que, “deste xeito, co investimento en obra pública, ademais de facer efectiva unha débeda que o organismo provincial acarrea dende hai décadas e que nunca se fixera realidade, a Deputación fomenta a creación de emprego nun momento de crise económica, onde as pequenas obras non son unha cuestión menor”. Outras actuacións Gómez Besteiro aproveitou a visita a estes dous Concellos do sur da pronvincia para supervisar outras actuacións que a Deputación realizou na zona. En Taboada, o máximo mandatario provincial desprazouse ata a Área Recreativa A Medela onde a Deputación, a través das máquinas do Parque Móbil, colaborou no acondicionamento do terreo do Coto Caxigueiro. O máximo mandatario provincial mantivo ademais unha entrevista co presidente do colectivo que lle dá nome a esta zona, Francisco Rodríguez, para coñecer, de primeira man, o estado do proxecto que van a acometer no Coto: un criadeiro de coellos. No Saviñao, o Presidente da Deputación visitou o Ecomuseo de Arxeríz no que se están a levar a cabo obras de mellora. Está ubicado nunha fincha de 35 hectáreas e dentro hai un Pazo que está aberto ó público dende 2004. Dispón de varias salas que están adicadas á viticultura tradicional e á Ribeira Sacra. Neste Concello, Gómez Besteiro tamén visitou a igrexa da Cova que foi rehabilitada co Plan de Comunidades Veciñais de 2008.