Deputación de Lugo

Lara Méndez destaca o labor do Centro de Artesanía e Deseño na potenciación do sector na provincia

Imaxe deputación de lugo
A Presidenta en funcións da Deputación foi a pregoeira da XIV Feira de Artesanía de Samos

A Presidenta en funcións da Deputación, Lara Méndez, foi a pregoeira da XIV Feira de Artesanía de Samos que se celebra este domingo nesta localidade e que organiza a Asociación de Comerciantes e Artesáns coa colaboración do Concello. A responsable provincial loubo traballo que desenvolven os artesáns da provincia “por preservar a experiencia acumulada polos nosos antergos ó longo dos séculos. Un exemplo inmellorable disto témolo hoxe en Samos, onde podemos comprobar a nosa grande riqueza artesanal e gastronómica”. Lara Méndez dixo que “a miña responsabilidade ó fronte do Centro de Artesanía e Deseño da Deputación permíteme valorar aínda máis, se cabe, o labor dos artesáns, e síntome especialmente implicada con este sector, que ten unha grande potencialidade económica”. Neste senso, apuntou que “desde a Deputación apoiamos iniciativas como esta Feira de Samos porque: potencian a nosa economía, crean postos de traballo e contribúen a asentar poboación na zona rural”. Segundo a Presidenta en funcións, “en pleno século XXI é necesario adaptarse ós tempos e debemos xunguir tradición con modernidade porque esa é a garantía de futuro”. Subliñou que “a unión do tradicional coa vangarda é, precisamente, unha das principais funcións do Centro de Artesanía, que está á enteira disposición dos artesáns”. Pero o apoio da Deputación ó mundo artesanal vai máis aló con outro tipo de iniciativas, “como as axudas directas que concede o Instituto Lucense de Desenevolvemento Social ós autónomos e microempresas, que son o verdadeiro motor da economía desta provincia. En dous anos destinamos un millón e medio de euros a esta liña de promoción económica”. Lara Méndez tamén destacou o programa Km0, que “puxemos en marcha o pasado setembro cun éxito rotundo. Seis mil persoas participaron nesta primeira edición, e chegarán ás 22.000 a finais de 2010”. A responsable provincial dixo que “tamén temos que darnos a coñecer fóra, e neste mesmo Concello existe unha ferramenta dun valor incalculable: o Camiño de Santiago. Ou mellor dito, os Camiños, porque a nosa provincia ten 800 quilómetros de rutas xacobeas, a rede máis extensa de toda Galicia”. Neste senso, “na Deputación tamén queremos aproveitar a grande oportunidade que se nos presenta co Ano Santo que non se volverá repetir ata dentro de 11 anos. Poñeremos en marcha en setembro o programa Km0 a Compostela, formado por 25 rutas que atravesan a nosa provincia”. Por último, dixo que “outra das apostas da Deputación é promocionar os produtos autóctonos, contribuíndo a manter moitos postos de traballo, ben a través da axudas ós autónomos na produción destes alimentos, ou da campaña Lugo Sabe”. Lara Méndez recibiu como agasallo unha reproducción en madeira da capela do ciprés, un dos símbolos de Samos –xunto co mosteiro- que data do século IX.