Deputación de Lugo

A Deputación promociona a raza Rubia Galega na Granxa Gayoso-Castro

Imaxe deputación de lugo
40 produtores de carne da provincia visitarán o centro de recría de carne creado na Granxa Gayoso-Castro grazas ó convenio que a Deputación mantén con ACRUGA desde 2007

O centro conta con 200 novillas de alta selección xenética e morfolóxica coas que se pretende expandir e promocionar a raza A visita enmárcase dentro do “III curso de manexo produtivo, reprodutivo e sanitario do gando vacún de carne” organizado por ACRUGA Uns 40 gandeiros da provincia visitarán o sábado, 5 de setembro, o centro de recría de xovencas de raza rubia galega creado na Granxa Gayoso Castro da Deputación a través da colaboración que a institución provincial mantén coa Asociación Nacional de Criadores de Gando Vacún Selecto de Raza Rubia Galega (ACRUGA) desde 2007. A visita inclúese dentro do programa do III curso de formación para gandeiros que organiza esta asociación: “Manexo Produtivo, reprodutivo e sanitario do gando vacún de carne”. Na actualidade, este centro dispón de 200 novillas que foron adquiridas por ACRUGA. Os animais entran nas instalacións da Deputación con 6 ou 7 meses de idade coa finalidade de contribuír á mellora xenética da raza e á súa expansión. O organismo provincial encárgase da alimentación, sanidade e limpeza. Pola súa banda, a Asociación Nacional de Criadores de Gando Vacuno Selecto de Raza Rubia Galega encárgase da xúa xestión, que inclúe a venda ou a participación dos exemplares en certames e feiras de toda España. Precisamente, a Deputación cede unha destas novillas para o XXXIV Concurso-Exposición de Gando Vacún que se celebrará o sábado no recinto feiral da Fonsagrada. Deste xeito, os gandeiros asistentes ó curso comprobarán a alta selección xenética e morfolóxica dos animais que forman o rabaño de elite de carne obtida grazas á colaboración entre Acruga e a Deputación. Esta colaboración é un exemplo máis da aposta que fai a Deputación polo sector gandeiro en xeral, e que se completará coa construción do Centro de Recría de gando frisón que albergará a 4.000 novillas e que triplicará a capacidade dos 3 existentes en Galicia. III Curso de Formación O III curso de “Manexo Produtivo, reprodutivo e sanitario do gando vacún de carne” desenvolverase os días 4 e 5 no Pazo de Feiras e Congresos de Lugo. Durante o venres e o sábado técnicos especializados abordarán cuestións como a bioseguridade e benestar animal nas explotacións de vacún de carne; manexo sanitario nas explotacións de cebo; a mamite de secado, causas, prevención e tratamento; sistemas extensivos como alternativa na produción de vacún de carne; nutrición dos tenreiros de cebo; e control da reprodución e produción de carne de calidade. Promoción da raza ACRUGA ten rexistradas en Galicia 2.805 explotacións, das que 1.973 están en Lugo. Deste xeito, a maior parte da produción desta raza atópase na nosa provincia, xa que das 46.560 vacas catalogadas por esta asociación en Galicia, 34.334 son luguesas. O vencellamento de ACRUGA coa Deputación de Lugo comezou hai dous anos coa firma do convenio no que se establece que a Asociación deposita un número de novillas nas instalacións provinciais para expandir a raza. As reses cómpranse ós gandeiros e logo véndense a outros puntos de España. A súa actividade baséase na promoción da raza, a través da celebración dos concursos nacional e rexional, na participación en exposicións internacionais con presenza dun número importante de animais e unha forte promoción informativa da raza para cruzamento industrial a nivel nacional e internacional, facilitando material xenético en países como Alemaña e Portugal, e edición de documentación técnica.