Rapaces da Cruz Vermella de Lugo coñecen a Reserva da Biosfera Terras do Miño
![Imaxe deputación de lugo](/sites/deputacionlugo.org/files/default_images/depulugo001.jpg)
20 rapaces beneficiarios do programa da Cruz Vermella de Lugo visitaron este venres o Centro de Interpretación Terras do Miño, así como o contorno do Paseo do río Rato, incluído na Reserva da Biosfera Terras do Miño. A iniciativa inclúese dentro do proxecto nacional Móvete polo río, que a organización leva a cabo en colaboración coa Confederación Hidrográfica Miño-Sil. Os rapaces, de idades comprendidas entre os 12 e os 17 anos, participaron nunha visita guiada na que técnicos do Instituto Lucense de Desenvolvemento Económico e Social (INLUDES) amosaron ós cativos a calidade ambiental e a riqueza natural da zona, así como a variedade florística, representadas polos bosques da ribeira, árbores centenarias, prantas acuáticas, etc. Os mozos estiveron acompañados de 6 monitores. Con esta visita, a Deputación promove o coñecemento e a interpretación do medio natural, cultural e etnográfico de Terras do Miño incluído na Rede Mundial de Reservas da Biosfera o 7 de novembro de 2002. Os participantes tiveron a oportunidade de descobrir este espazo natural que conta cunha superficie de 363.669 hectáreas. Terras do Miño foi a primeira Reserva da Biosfera declarada en Galicia e unha das máis extensas de España. Abarca o 39% do territorio de toda a provincia e inclúe 26 Concellos: Ourol, O Valadouro, Muras, Alfoz, Mondoñedo, Abadín, Xermade, Vilalba, A Pastoriza, Riotorto, Guitiriz, Cospeito, Meira, Begonte, Rábade, Castro de Rei, Outeiro de Rei, Pol, Lugo, Friol, Castroverde, Guntín, O Corgo, Baralla, O Páramo e Láncara.