Deputación de Lugo

Gómez Besteiro participa na inauguración da segunda edición de Equigal

Imaxe deputación de lugo
O titular provincial subliñou a importancia de que o Salón se celebre en Lugo, “porque o sector gandeiro ten un grande peso na provincia. Desde a Deputación apoiamos calquera iniciativa que favoreza a apertura de novos negocios

Equigal desenvólvese esta fin de semana e reúne ás mellores gandeirías equinas de España criadas en Galicia O Presidente da Deputación, José Ramón Gómez Besteiro, participou este venres na inauguración da segunda edición de Equigal. Salón do cabalo de Galicia, que se celebra esta fin de semana no Pazo de Feiras e Congresos de Lugo. Gómez Besteiro amosou a súa satisfacción por colaborar na organización do envento, “no que por segundo ano consecutivo Lugo convértese na capital do Cabalo de Pura Raza Española. Pódese dicir que Equigal é o teloneiro do San Froilán. Durante os festexos son milleiros de persoas as que acuden a Lugo procedentes de toda Galicia e mesmo de España. O mesmo acontece con este Salón, xa que contará coa presenza das mellores gandeirías equinas de España”. O titular provincial, que estivo acompañado do Director de Equigal, Xacobo Pérez Paz, da Directora de Turgalicia, María Carmen Pita Urgoiti, e do Alcalde de Lugo, José López Orozco, subliñou que “para que un evento destas características se consolide é necesario reinventarse cada ano. Nesta edición, o salón adquire unha dimensión maior. Aumenta a calidade e variedade de razas equinas que existen en España e que foron criadas en Galicia, polo que o seu éxito está asegurado”. Asimesmo, indicou que dentro de Galicia, este Salón tiña que celebrarse necesariamente en Lugo, “porque non debemos esquecer o importante peso que ten o sector gandeiro na provincia. Por iso a Deputación quixo colaborar neste evento, xa que desde esta institución apoiamos calquera iniciativa que favoreza a apertura de novos negocios”. Como un exemplo deste apoio ó sector, Gómez Besteiro subliñou o Centro de Recría que o organismo provincial construirá na Granxa Gayoso-Castro. “É o proxecto gandeiro máis revolucionario levado a cabo nas últimas décadas en Galicia e será o primeiro centro de recría público de España. A Deputación ten unha teima, que é ser útil. O que non queremos é competir co sector agrogandeiro senón servir de apoio nun momento de crise económica como o actual. De aí que colaboremos tamén con Equigal”. II edición Equigal celebra a súa segunda edición esta fin de semana no Pazo de Feiras e Congresos de Lugo. Este ano contará ademais de coa Pura Raza Española, co Cabalo Pura Raza Galega, coa Raza Árabe e coas gandeirías e clubes deportivos participantes no “I Jumping Territorial de Salto de Obstáculos” (modalidade deportiva que inclúe unha participación de razas moi diversas). Do mesmo xeito desenvolverase a proba puntuable para o Campionato Galego de Andadura Federada nas modalidades de Serrada e Chapeada, dous xeitos de evolucionar na ambladura dos cabalos. Ademais dos concursos oficiais, o certame contará con exposicións a cargo das mellores gandeirías galegas e españolas, que amosarán ó visitante todo tipo de produtos e servizos relacionados co cabalo: guarnicionería, alimentación, veterinaria, complementos hípicos para cabalo e xinete, transporte, e asociacións equinas. Na chamada zona de lecer, os nenos serán os protagonistas de “Equixoven” (Escola Infantil de Monta en Poni), onde os máis pequenos poderán desfrutar dun espazo de animación.