Deputación de Lugo

A Deputación contrata as obras do mercado gandeiro de Chantada, incluídas no canon 2008

Imaxe deputación de lugo
A Xunta de Goberno aproba por vía de urxencia estes obras nas que o organismo provincial investirá preto de 375.000 euros

Antonio Gato destacou que “é o segundo investimento máis importante do canon que a Deputación acomete neste Concello despois da rexeneración de varias vías provinciais” A institución provincial mellora o procedemento do pago de facturas co que reduce o prazo do seu aboamento A Xunta de Goberno da Deputación aprobou este venres fóra da orde do día e, por vía de urxencia, a contratación das obras do mercado gandeiro de Chantada, incluídas no Plan de Obras de 2008 do canon deste municipio. O organismo provincial investirá nesta actuación 375.000 euros. O voceiro provincial socialista subliñou que “se trata do segundo investimento máis importante do canon que a Deputación acomete neste Concello despois da rexeneración de varias vías provinciais”. Deste xeito, renovarase por completo o firme das instalacions do mercado gandeiro, que rexistra unha grande actividade. Gato Soengas indicou que “esta é unha obra moi importante, xa que é necesario soterrar varios servizos, como os cableados que atravesan o recinto, e para reparar o pavimento. Na actualidade, é un espazo aberto, polo que é imposible controlar o acceso de vehículos. Con esta actuación melloramos notablemente a estrutura interna, a utilización do recinto e o seu acceso”. O Plan de Obras de 2008 para este municipio ascende a 1,6 millóns de euros. Pero Chantada recibirá en tres anos preto de 5 millóns de euros para investimentos en obra pública, o que supoñerá a creación de novos postos de traballo no municipio. “É un Plan consensuado, e non imposto, co que se cumpren os desexos dos veciños a través do Concello. Deste xeito, a Deputación salda unha débeda que arrastraba co Concello de Chantada dende hai 18 anos. Pero tamén o está a facer co resto de municipios afectados polo canon que, sen embargo, non están amparados por ningunha sentenza favorable”, apuntou o Deputado provincial. Mellora nos prazos de pago de facturas O voceiro provincial socialista subliñou que xa entrou en vigor o novo procedemento que segue o organismo provincial para efectuar o pago de facturas a empresas que prestaron o seu servizo á Deputación. Neste senso, explicou que, o periodo medio de pago de facturas de xuño a agosto deste ano é de 33 días. En maio foi de 43, en febreiro de 58, e en outubro de 2008 de 88. “Como se pode ver, estamos facendo un esforzo importante por mellorar os prazos, tendo en conta o propio procedemento administrativo, que vai dende que entra a factura na Deputación, ata que se fiscaliza en Intervención, se aproba en Actas e, finalmente se fai efectivo. Tamén hai que puntualizar que moitas veces o pago da factura se retrasa porque a empresa non presenta toda a documentación necesaria para a súa tramitación”. Asimesmo, indicou que na vindeira Xunta de Goberno aprobarase a validación de facturas de 2009 por valor de 890.000 euros, e que tiñan desconformidade na tramitación dos gastos. “Son facturas, que aínda que teñen data de entrada dos meses de xullo, agosto e setembro, corresponden a contratos anteriores a estas datas. Nestes momentos, xa entrou en vigor o novo procedemento co que reduciremos os prazos de pago de facturas”. Outros Acordos Xunta de Goberno Na Xunta de Goberno tamén se aprobaron 19 contas xustificativas do Plan de Comunidades Veciñais de 2008, que suman 263.510 euros, dos que a Deputación achega 163.099. Pertencen ós Concellos de Antas de Ulla, Baralla (2), Cervantes, A Fonsagrada, Foz, Guitiriz, Monterroso, Palas de Rei, Paradela, O Páramo (2), Portomarín (2), Riotorto, Sober (2), Trabada e Vilalba.