Deputación de Lugo

Os lucenses maiores de 50 anos xa poden solicitar prazas subvencionadas nos balnearios da provincia

Imaxe deputación de lugo
- A Deputación abriu hoxe o prazo para beneficiarse de descontos de ata 60 euros en paquetes de prestacións dos balnearios de Pantón, Palas de Rei e Lugo dende maio a decembro- Os interesados nunha das 1.200 prazas poden inscribirse no Rexistro Xeral da Deputación presentando a documentación dispoñible en www.deputacionlugo.gal e unha fotocopia do DNI- Só se aceptarán as inscricións realizadas polos interesados, sen delegar en Concellos ou outras entidades; os bonos que deberán recoller na Deputación tampouco se entregarán a representantes de Concellos, asociacións ou outras entidades

A Deputación abriu hoxe o prazo de inscrición para Termalismo no Camiño, o programa que por cuarto ano consecutivo permite aos lucenses maiores de 50 anos acceder con importantes descontos en tratamentos termais en balnearios da provincia situados ao pé do Camiño de Santiago.

Durante a presentación do programa de termalismo, a Vicepresidenta Segunda, Lara Méndez, destacou que Termalismo no Camiño impulsa o sector termal, clave para a economía lucense, de cara a xerar riqueza e emprego, combatendo o despoboamento demográfico, especialmente no rural. De feito, Lugo conta con balnearios situados xunto aos 800 quilómetros de rutas de peregrinación xacobea que discorren pola provincia, o que a converte nun destino de interese para este tipo de turismo desestacionalizado.

Descontos de 60 euros por persoa en 1.200 prazas
Termalismo no Camiño ofrece un total de 1.200 prazas nos balnearios lucenses dos Concellos de Lugo, Pantón e Palas de Rei, das que se poderán aproveitar os lucenses maiores de 50 anos entre os meses de maio e decembro. Os beneficiarios poderán acudir cun acompañante, que poderá participar no programa aínda que non cumpra os requisitos de ter máis de 50 anos e estar empadronado na provincia. Os paquetes de prestacións dispoñibles son os seguintes:

6 días con 5 noites de estancia
5 pensións completas
Día de entrada (domingo): incluídos cea e aloxamento
Día de saída (venres): incluídos almorzo e comida
8 técnicas de balneario
1 recoñecemento médico á chegada
De luns a xoves: programa de animación sociocultural

Por vez primeira, e para achegarse ao maior número de lucenses posible, Termalismo no Camiño ofrecerá atención especial ás persoas con problemas de mobilidade, garantíndolles a asistencia para o acceso a piscinas e habitacións, así como programas especificamente deseñados para persoas con discapacidades físicas, psíquicas ou sensoriais, con entornos adaptados e favorecedores do descanso de familiares e coidadores. Para beneficiarse destas vantaxes só será necesario que o beneficiario acredite un grao de discapacidade igual ou superior ao 33% e presente un informe médico favorable.

Os interesados en participar xa poden inscribirse presentando no Rexistro Xeral da Deputación de Lugo a documentación que poderán obter na web www.deputacionlugo.gal, xunto cunha fotocopia do DNI. Hai que destacar que só se aceptarán as inscricións realizadas polas persoas interesadas, sen delegar en Concellos ou outras entidades.

Unha vez seleccionados, os propios participantes ou ben un familiar directo, deberán recoller na Deputación (Servizo de Relacións Institucionais) os bonos que presentarán no balneario seleccionado. Estes bonos tampouco se entregarán a ningún representante de Concellos, asociacións ou calquera tipo de entidade allea.

Máis información en www.deputacionlugo.gal e no 982 260 075.