Deputación de Lugo

Gómez Besteiro anuncia que levará ó Pleno unha proposta en contra dun novo encoro en Navia e Fonsagrada

Imaxe deputación de lugo
O Presidente da Deputación quixo respaldar a posición dos Alcaldes dos Concellos afectados porque esta actuación “é un auténtico atentado para esta provincia dende o punto de vista medioambiental”

O titular provincial agarda que a iniciativa sexa respaldada de xeito unánime por todos os partidos políticos A Deputación, encargada da xestión desta zona Reserva da Biosfera, enviou un informe negativo á CHC debido ó forte impacto económico e medioambiental na zona O Presidente da Deputación, José Ramón Gómez Besteiro, anunciou este xoves logo dunha xuntanza cos Alcaldes de Navia e de Fonsagrada, José Fernández e Rogelio Fernández, que o equipo de goberno levará ó Pleno deste mes unha proposta conxunta en contra de que a sociedade “Saltos de Navia” continúe coa tramitación do proxecto de construción dun novo encoro que afectaría a estes dous municipios da Montaña e ó desenvolvemento económico e medioambiental da comarca. Gómez Besteiro subliñou que a posición do organismo que preside “é de total respaldo ó que demandan os rexedores destes municipios, que son quenes trasladan a preocupación dos veciños”. Neste senso, apuntou que “é curioso que despois de 20 anos a Deputación asuma a débeda do pago do canon en todos os Concellos afectados e agora se plantexe de novo esta cuestión. Nós non nos opoñemos porque unha empresa teña interese, senón porque dende o punto de vista medioambiental é un auténtico atentado para esta provincia”. O titular provicial lembrou que o río Navia xa soporta tres presas (Salime, Arbón e Doiras), que xa están dando unha importante capacidade hidroeléctrica para esta empresa. “Non se pode permitir que no século XXI, no que estamos facendo unha aposta polo desenvolvemento sostible, se volte a dar o que comezou na época franquista”. Asimesmo, puntualizou que “non é de recibo que estemos nun lugar de interese comunitario e respaldemos esta actuación, xa que no seu día serviunos para que a UNESCO nos avalara como Reserva da Biosfera. Actuacións coma esta van en contra destas disposicións comunitarias e do novo impulso que o goberno de España lle quere dar ó ambito medioambiental e ós espazos protexidos”. A proposta será debatida polo Pleno do 27 de abril e Besteiro agarda que “de forma unánime todos os partidos políticos manifesten o seu rexeitamento á actuación que pretende a empresa. Sí o desenvolvemento económico pero non nestas condicións. Trátase de non matar a galiña dos ovos de ouro, por iso dende a Deputaicón estamos traballando con diferentes proxectos europeos. Unha empresa que está participada por Endesa debe apelar tamén a esta sensibilidade medioambiental”. Informe negativo do INLUDES En febreiro a Confederación Hidrográfica do Cantábrico enviou a documentación á Deputación –administración promotora e xestora da Reserva da Biosfera dos Ancares, Montes de Navia, Cervantes e Becerreá- referente a este proxecto. No documento que se lle traslada á Confederación, o INLUDES sinala os seguintes impactos: asolagamento de terras, neste caso protexidas dentro do LIC Ancares-Courel e incluídas nas Reservas da Biosfera dos Ancares e río Eo, Oscos, Terras de Burón; o proxecto sería totalmente incompatible coa futura designación dos Ancares como Parque Natural; a alteración do territorio, a súa morfoloxía e paisaxe; reduce a diversidade biolóxica, destrución do ecosistema protexido, dificulta a emigración de especies piscícolas, diminúe a cunca dos ríos; os danos medioambientais sumaríanse ó inaceptable impacto que supón para esas zona e os veciños que intentan vivir do aproveitamento agrogandeiro e da súa actividade turística. Unha reclamación constante Os Alcaldes de Fonsagrada e de Navia loubaron a decisión adoptada polo Presidente da Deputación, xa que como sinalou Argelio Fernandez “é algo que vimos reclamando dende hai décadas para que dunha vez por todas se poña fin á decisión da empresa que amenaza con construir o encoro dende o ano 63. É necesario que se retire a concesión e que a xente da ribeira poida ter a tranquilidade de que as terras, nas que levan vivindo varias xeneracións, non se vexan asolagadas”. Pola súa banda, o rexedor de Navia, José Fernández, asegura que o seu Concello é un dos máis perxudicados, xa que “a cota máxima quedaría a preto de 300 metros da capitalidade do municipio. Sentímonos perxudicados porque ademais isto ten unhas desvantaxas medioambientais e climatolóxicas ó cubrir unhas terras moi importantes a nivel natural. Deste xeito, Fernández pediulle a Núñez Feijóo “o mesmo apoio que nos está a dar o Presidente da Deputación. Xa presentamos un recurso no ano 2008 e recibimos un apoio unánime por parte do ex Presidente da Xunta, Emilio Pérez Touriño”. Un longo proceso que data dos anos 50 O proxecto contempla a construción dun encoro sobre o río Navia, á altura da localiade de Fornaza, na Fonsagrada. Alcanzaría preto de 300 metros de cota e a cola extenderíase ata o Concello naviego. Saltos de Navia dispón dunha concesión de aproveitamento hidrográfico do río dende 1951. O proxecto inicial, que asolagaba o núcleo de Navia, obtivo unha forte presión veciñal que non estaba de acordo coa súa execución. Isto provocou que o documento fose modificado doce anos máis tarde. A finais dos anos 80 voltouse a plantexar a construción do encoro, unha iniciativa que finalmente tampouco se levou a cabo. Anos máis tarde, en 2008 a empresa quixo retomar o proxecto, pero o Ministerio de Medio Ambiente non aceptou o estudo de impacto medioambiental que presentara. A obra, que agora se propón, non conta co beneplácito dos veciños dos dous Concellos afectados porque, malia que non afecta a núcleos de poboación, sí causa un enorme efecto sobre lugares considerados de grande riqueza natural e paisaxística.