Deputación de Lugo

Alumnos do Conservatorio de Danza de Lugo amplían a súa formación académica no CENTRAD

Imaxe deputación de lugo
Os estudantes de Grao Profesional de Clásico e Contemporáneo fixeron un percorrido pola única exposición de Europa que conta cun apartado de réplica de instrumentos medievais

O arquivo e o obradoiro musical xa foron declarados pola Xunta de Galicia como “Colección Visitable” Trinta alumnos do Grao Profesional de Danza Clásica e Contemporánea do Conservatorio de Lugo visitaron este venres a exposición permanente do obradoiro de instrumentos musicais do CENTRAD que quedou aberta a público en marzo de 2008, logo das xestións realizadas polo actual equipo de goberno da Deputación. A visita englóbase dentro das actividades formativas que está a levar a cabo o centro de ensinanza co obxectivo de que os estudantes amplíen os seus coñecementos no eido musical. Deste xeito, os alumnos asistiron a unha visita guiada na que puideron coñecer a única exposición de instrumentos musicais catalogada e baseada en criterios científicos que existe en Galicia e a única de Europa que conta cun apartado de réplica de instrumentos medievais, o que fai que sexa unha mostra de incalculable valor. Precisamente, o arquivo e o obradoiro musical xa foron declarados pola Xunta de Galicia como “Colección Visitable”. O Conservatorio de Danza conta con 7 anos de existencia e uns 160 alumnos matriculados. Imparte os graos elemental, de 8 a 12 anos, e o profesional, de 12 a 18, nos que os alumnos se especializan nas disciplinas de Danza Clásica e Contemporánea. Máis de 400 pezas A colección está formada por 402 pezas, das que máis da metade foron feitas por particulares, 95 de produción propia, 60 doazóns, 39 recuperadas da antiga sección de música do Museo Provincial e 2 pezas foron adquiridas pola Deputación. A exposición artéllase en tres salas de xeito que os instrumentos están agrupados segundo os elementos acústicos e as súas características morfolóxicas: aireófonos, cordófonso, idiófonos e membranófonos. Deste xeito, na primeira sala, pódese atopar unha colección de trompas de boas e réplicas de instrumentos do século XIII, ademais dunha copia das ménsulas do Pazo de Xelmírez de Santiago. A segunda, acolle os segredos do funcionamento dun órgano da catedral e unha colección de gaitas. Finalmente, na terceira, consérvase un exemplar de Clave Español do século XVIII, así como varias réplicas dos instrumentos do Pórtico da Gloria da Catedral de Santiago.