Deputación de Lugo

Deputación e ONCE Galicia promocionan o Camiño da Costa con Km0 a Compostela

Imaxe deputación de lugo
Lara Méndez e preto dunha vintena de integrantes deste colectivo fixeron un treito da ruta Xacobea dentro do programa co que o organismo provincial impulsa a economía e o Ano Santo

É a cuarta ruta que organiza a Deputación e que se suma a outras nas que participaron personalidades relevantes como as Cantareiras de Ardebullo, os deseñadores da I Gala Muralla de Lugo ou os deportistas Chus Lago e Fernando Romay

A Vicepresidenta Segunda da Deputación, Lara Méndez, e integrantes da ONCE Galicia fixeron este sábado un treito do Camiño da Costa dentro do programa Km0 a Compostela, co que o organismo provincial se converteu na primeira administración cunha programación estable e previa ó Xacobeo. Lara Méndez subliñou que “hoxe demostramos que con esforzo pódense lograr grandes cousas e superar barreiras. Na provincia hai 800 quilómetros de Camiño, unha cuestión á que lle temos que sacar partido, por iso puxemos en marcha este programa. O Xacobeo é unha grande oportunidade para xerar riqueza en Lugo e na Deputación queremos involucrar a todos os sectores no noso proxecto. Iniciativas coma esta fannos medrar e poñer fin ó descoñecemento que existía desta provincia”. Coa presenza de colectivos como a ONCE, a Deputación pretende impulsar a economía provincial, promocionar as rutas Xacobeas luguesas, e fomentar o turismo a través do deporte e da multiaventura, xa que o Ano Santo é unha extraordinaria oportunidade para xerar riqueza en Lugo e en todos os Concellos polos que pasa o Camiño. Trátase da cuarta ruta que organiza a Deputación dentro deste programa no que xa participaron outras personalidades con ampla repercusión mediática no mundo do deporte e da vida social galega e española. Na xornada de hoxe, preto dunha vintena de persoas percorreron un treito de 1,8 quilómetros dende o río Parga ata a igrexa de San Alberte, en Guitiriz. Neste senso, o percorrido, no que tamén participou Lara Méndez, iniciouse na ponte medieval de San Alberte e incluiu unha visita á fonte de auga miragreira, así como á igrexa deste lugar. A comitiva completou o itinerario cun percorrido polo museo Victor Corral. Ademais desta Asociación, outras personalidades destacadas do panomara autonómico e galego fixeron o Camiño de Santiago na provincia dentro deste programa. É o caso do grupo de homoristas As Cantareiras de Ardebullo, dos deseñadores galegos que acudiron a Lugo co motivo da celebración da I Gala Muralla Lugo, dentro dos actos de Lugo 10 e do 15º aniversario do CENTRAD; dos deportistas Fernando Romay, Chus Lago, o plantel do Leite Río Breogán e dos campións nacionais de rallye, Sergio Vallejo e Luis Moya; de colectivos como a Sociedade Española do Corazón –SEC-; dos directores de medios de comunicación de Galicia, ou autoridades como o Presidente de Cantabria, Miguel Ángel Revilla. Recepción oficial Previamente ó inicio da peregrinaxe, a Vicepresidenta Segunda recibiu ós integrantes da Asociación no Salón de Actos do Pazo de San Marcos, onde lles fixo entrega de lotes da campaña Lugosabe coa que o organismo provincial promociona os produtos autóctonos e impulsa a economía provincial. Entre os participantes estiveron a Presidenta do Consello Territorial da ONCE en Galicia, Eugenio Ferradas Moledo e Dolores Venancio; o Director de ONCE Vigo, Arturo Parrado Puente; o Director do Centro de Recursos Educativos “Santiago Apóstol” de Pontevedra, José Ángel Abraldes; o Director Provincial de ONCE Lugo, Juan Leirós Villar; o Director de ONCE Santiago, Roberto Doval; ademais de Conselleiros Territoriais e outros integrantes deste colectivo a nivel autonómico.