Deputación de Lugo

O luns comezan as obras de ancheamento e mellora dun treito da estrada provincial de Vilamaior en Sarria

Os traballos, incluídos no POS 2006, foron adxudicados por 159.000 euros e teñen un prazo de execución de 2 meses

Retirouse un repostero do Pazo de San Marcos que será substituído por outro co escudo heráldico oficial O vindeiro luns comezarán as obras de ancheamento e mellora dun treito dun quilómetro e medio da estrada provincial Santa María-Vilamaior-Castro de Rei de Lemos, no Concello de Sarria, segundo anunciou o voceiro do grupo provincial socialista, Antonio Gato Soengas. Segundo sinalou Gato Soengas, “esta obra, que están incluídas no Plan de Obras e Servizos 2006, afectarán o treito entre os puntos quiométricos 4,500 e 6,000. Foron adxudicadas por 159.000 euros e o prazo de execución é de dous meses”. Gato Soengas fixo este anuncio na rolda de prensa posterior á Xunta de Goberno deste venres na que se aprobou o expedente de expropiación forzosa para a execución da obra de mellora dun treito de 4 quilómetros na estrada provincial “Carrizal- Mondelos”, no Concello da Pastoriza. Tamén se aprobaron os mutuos acordos acadados no expedente expropiatorio da obra Navia-Silvouta- Vilaquinte-Donis, no Concello de Navia de Suarna, entre os puntos quilométricos 5,000 e 9,000. Ademais deuse o visto e prace a unha conta xustificativa dunha obra incluída no Plan de Cooperación con Comunidades Veciñais 2007, pertencentes ó Concello da Pobra do Brollón. A obra tiña un presuposto de 15.307 euros dos que a Deputación achegou 8.325. Novo repostero Por outra banda, este venres retirouse o repostero que estaba colocado enriba da porta de acceso ó Salón de Actos do Pazo de San Marcos. Gato Soengas sinalou que “por decisión do Presidente substituirase por outro que ten o escudo heráldico oficial xa que o que había ata o de agora databa dos anos 70”. O Deputado sinalou que a peza que se retirou esta mañá tiña o escudo que se deseñou na época predemocrática para substituír ó dos anos 50 que contiña símbolos franquistas. Sen embargo, ese escudo heráldico nunca contou co recoñecemento oficial e por iso se deciciu o seu cambio”. A elaboración do novo repostero levou varios meses, xa que foi un traballo totalmente artesanal, e será colgado a semana que vén.