Deputación de Lugo

Estudantes de Pontevedra coñecen a Reserva da Biosfera Terras do Miño

Os escolares participaron nunha visita guiada onde coñeceron a calidade e a riqueza medioambiental da zona

36 alumnos do colexio Verducio de Pontevedra visitaron este venres o Centro de Interpretación Terras do Miño, así como o contorno do Paseo do río Rato, incluído na Reserva da Biosfera Terras do Miño. Os estudantes, de idades comprendidas entre os 3 e os 7 anos, participaron nunha visita guiada na que técnicos do Instituto Lucense de Desenvolvemento Económico e Social (INLUDES) amosaron ós alumnos a calidade ambiental e a riqueza natural da zona, así como a variedade florística, representadas polos bosques da ribeira, árbores centenarias, prantas acuáticas, etc. Os estudantes estiveron acompañados de 17 nais e 2 mestras. Con estA visita, a Deputación promove o coñecemento e a interpretación do medio natural, cultural e etnográfico de Terras do Miño incluído na Rede Mundial de Reservas da Biosfera o 7 de novembro de 2002. Os escolares tiveron a oportunidade de descobrir este espazo natural que conta cunha superficie de 363.669 hectáreas. Terras do Miño foi a primeira Reserva da Biosfera declarada en Galicia e unha das máis extensas de España. Abarca o 39% do territorio de toda a provincia e inclúe 26 Concellos: Ourol, O Valadouro, Muras, Alfoz, Mondoñedo, Abadín, Xermade, Vilalba, A Pastoriza, Riotorto, Guitiriz, Cospeito, Meira, Begonte, Rábade, Castro de Rei, Outeiro de Rei, Pol, Lugo, Friol, Castroverde, Guntín, O Corgo, Baralla, O Páramo e Láncara.