Deputación de Lugo

O MUSEO ORGANIZARÁ ESTE NADAL DIVERSOS OBRADOIROS DIRIXIDOS AOS MÁIS NOVOS

Dúas novas mostras chegan ao museo de lugo neste mes de decembro

O responsable da área de cultura e deportes da Deputación, o nacionalista Antonio Veiga, presentou esta mañá, en rolda de prensa, as actividades que se levarán a cabo no mes de decembro no Museo Provincial de Lugo. Antonio Veiga que estivo acompañado na roda de prensa pola Directora do Museo Provincial, Aurelia Balseiro destacou as actividades programadas para rapaces e rapazas durante o Nadal. A partir do día 22 de decembro comezarán unha serie de obradoiros en todos os centros da rede museística que centrarán as actividades de Nadal. Neste mes de decembro as xornadas das 75 festas comezarán o sábado, día 6 coa proxección dos documentais Grecia e A Atlántida e o domingo, día 7, terá lugar o espectáculo de Carruselo - Galizas Pulgas Circus. Na segunda fin de semana o sábado, día 13, a contacontos Paula Carballeira presentaranos o seu Animal de mil mañas, e o domingo, día 14 proxectaranse dous documentais sobre cartografía e observatorios. A terceira fin de semana, o sábado 20, actuará o Anxo Moure que desvelará os segredos do Apalpabarrigas, o domingo, día 21, proxectaranse documentais históricos sobre A cidade e Troia. Na última fin de semana do ano, o sábado 27, Raquel Galavís contará as historias de O principiño de Madagascar e o domingo 28 proxectaranse os documentais A cidade perdida dos Incas e A cidade prohibida. Veiga informou da inauguración, neste mes, de dúas exposicións na salas dependentes do museo de Lugo. A primeira delas será inaugurada o día 5 de decembro, unha mostra do colectivo Os Urogallos, esta exposición recolle a obra de este colectivo que marcou a historia do arte en Lugo e estará aberta ata o día 31 de decembro. Outra das exposicións que se inaugurará neste mes de decembro, na sala de exposicións da Deputación, será unha mostra do artista Fernando Villapol estará aberta, no museo provincial dende o 18 de xaneiro. LÁMINAS DO CARTAFOL E PROXECCIÓNS CONTRA O MURO Como ven acontecendo dende o comenzo da celebración do 75º aniversario do museo todos os días 10 de cada mes está programada a actividade CONTRA O MURO, de 20:00 a 24:00 horas, proxéctanse nas fachadas exteriores do Museo Provincial imaxes das pezas do propio museo. Esta actividade é unha máis das programadas para facer do museo un museo vivo e achegalo á cidadanía. Coa finalidade de completar as 75 láminas que encherán a finais deste ano o Cartafol do Museo, cada cinco días, entregase unha lámina cunha imaxe dun peza ou estancia do museo. Esta lámina entregase, de xeito gratuíto, a carón da figura ou estancia que aparece reflexada na lámina. Entregaranse durante o mes de novembro 6 láminas con pequenos bocexos de pezas existentes no museo provincial de Lugo.