Deputación de Lugo

Un grupo de ASPNAIS visitará esta semana Viveiro
con Km0

Imaxe deputación de lugo
O programa de visitas medioambientais da Deputación retómase tralas vacacións de Nadal con rutas a Monterroso, á Ribeira Sacra e á Mariña

A Deputación retoma esta semana o programa de visitas institucionais e medioambientais Km0 logo do periodo vacacional de Nadal. As primeiras rutas de 2009 serán a Monterroso, á Ribeira Sacra e á Mariña. Esta semana participará, por primeira vez un grupo de persoas disminuídas psíquicas e físicas, pertencentes a ASPNAIS, que se desprazarán en autobuses adaptados con elevadores para as cadeiras de rodas. O Presidente da Deputación, José Ramón Gómez Besteiro, recibu este martes no Pazo de San Marcos a un grupo de solicitantes individuais ó que lles explicou a finalidade deste programa que pretende dar a coñecer ós lucenses a riqueza patrimonial da nosa provincia, así como o funcionamento e o traballo que está a desenvolver a Deputación e, ó mesmo tempo, promover a economía dos autónomos e pequenos empresarios de Lugo. O primeiro grupo que participa en Km0 en 2009 está formado por 36 solicitantes individuais. A ruta escollida inclúe unha visita ó conxunto etnográfico do Mazo de Santa Comba. A continuación desprazaranse ata o Concello de Monterroso. No municipio monterrosino coñecerá o Pazo da Laxe, a área recreativa da Peneda e a igrexa de Santiago de Bidouredo. Ademais, farán unha ruta de sendeirismo duns 3 quilómetros pola Pena do Corvo. Mañá será un grupo do CIT de San Cibrao o que participará neste programa cunha visita á Ribeira Sacra. Despois de ser recibidos na Deputación e de percorrer o Centro de Artesanía e Deseño, farán unha ruta de sendeirismo ata o embarcadoiro de Doade e visitarán a Oleiría de Gundivós. Por último, 32 membros da Asociación de Pais e Titores de Persoas con discapacidade mental (ASPNAIS) desprazaranse ata Viveiro despois de coñecer o Pazo de San Marcos e as instalacións do CENTRAD. Na cidade mariñá visitarán a igrexa de Santa María do Campo, a Porte de Carlos V e a Muralla. Tamén darán un paseo pola praia de Covas e subirán ó Alto de San Roque.