Deputación de Lugo

A cestería ferroviaria e de deseño, modalidades dos cursos de cestería que imparte o CENTRAD estes días

Imaxe deputación de lugo
Para a elaboración dos cestos os participantes empregarán como materiais o vimbio e as códeas de diferentes árbores

Este venres dá comezo un novo curso da programación de cestería de inverno do Centro de Artesanía e Deseño da Deputación. Os alumnos elaborarán, empregando como material o vimbio, a cesta que usaban os profesionais do sector ferroviario para transportar distintos enseres nas súas viaxes. A artesá viguesa, Aurora Martínez Orje, imparte o obradoiro que se desenvolve ata o 29 de marzo no Centro de Cestería do río Rato. Debido ás características do material e do propio cesto, este é un dos cursos máis complexos e de maior especialización da programación de inverno do CENTRAD. Asimesmo, o vindeiro luns, Carlos Fontales impartirá o obradoiro que inclúe a fabricación de cestos con códeas de árbores, fundamentalmente de bidueiro. O curso desenvolverase tamén no Centro do río Rato desde o 30 de marzo ata o 2 de abril, e de 16:00 a 20:00 horas. O Centro de Artesanía e Deseño da Deputación pretende recuperar así unha técnica que predomina fundamentalmente en países do norte de Europa como Noruega ou Suecia. Os asistentes terán a oportunidade de profundizar nunha técnica máis propia da artesanía de deseño. A sinxela manipulación e a versatilidade das códeas permitirán ós participantes fabricar pezas de grande vistosidade.