Deputación de Lugo

A Deputación mostrará ós miles de asistentes á Feira de San Isidro de Sarria as vantaxes da e-Administración

Imaxe deputación de lugo
A aula de formación itinerante do programa Innova-TE ensina ós cidadáns dun xeito directo e ameno como pode facer trámites administrativos a través de internet e somérxeos nas novas tecnoloxíasA carpa @ estará instalada este sábado, 7 de maio, nas instalacións do mercado gandeiro da vila sarriana e poderá visitarse en horario de 11:00 a 19:00Medio millar de persoas coñeceron a Administración Electrónica este domingo na Feira do Viño de Vilachá, na Pobra do Brollón

Miles de persoas pasarán esta fin de semana por Sarria con motivo da popular Feira de San Isidro. A Deputación aproveitará a multitudinaria convocatoria para mostrar ós cidadáns dun xeito directo e ameno como funciona a Administración Electrónica e as súas vantaxes, ademais de familiarizalos no uso das novas tecnoloxías. Para elo, instalará a aula formativa itinerante do programa Innova-TE na vila sarriana este sábado, cando se celebra o concurso de criadores, organizado pola asociación de gandeiros A Cabana e Africor Lugo, co patrocinio do Concello e a colaboración do organismo provincial, entre outras entidades. Neste certame, os promotores esperan bater record de participación, con 73 reses preinscritas e 22 gandeirías. Na xornada do sábado tamén terá lugar a poxa de gando frisón, mentres que para o domingo están programados actos lúdicos. A carpa @ poderá visitarse en horario de 11:00 a 19:00 horas nas instalacións do mercado gandeiro.

A aula estivo este pasado domingo na Feira do Viño de Vilachá, no Concello da Pobra do Brollón, onde medio millar de persoas coñeceron como utilizar a e-Administración, un servizo que permite ós cidadáns facer trámites a través de internet, dun xeito rápido e eficaz, aforrando tempo e diñeiro en desprazamentos.

A moderna instalación, de 230 metros cadrados, cor vermella e forma de @, ofrece un amplo abano de orixinais actividades pensadas para tódalas idades, como obradoiros, xogos, sorteos de diverso material tecnolóxico imprescindible para usar a e-Administración, e mesmo simuladores de última xeración.

A primeira e obrigada parada da aula é un taller de DNI electrónico, a chave que deben utilizar os usuarios para acceder á Administración Electrónica e facer trámites on line. Logo de realizar este obradoiro, cuxos asistentes reciben un diploma acreditativo, os visitantes poden participar en sorteos de diverso material tecnolóxico, como lectores de DNI, chaves USB, ebooks (lectores de libros electrónicos) e netbooks (ordenadores portátiles de baixo custe e reducidas dimensións).

Nesta carpa pioneira hai unha pantalla táctil co libro guía das rutas do programa Km0 da Deputación; así como o denominado espazo “365”, unha aplicación de apoio escolar para nenos e pais, na que, entre outras opcións, poden crear o seu propio “avatar”; e unha aplicación de realidade aumentada, estas dúas últimas cedidas por Movistar. Como verdadeiro espazo tecnolóxico, a @ conta con sinal wi fi gratuíta para conectarse a Internet, grazas á colaboración da empresa Vodafone.

Dispón ademais dunha pista de baile virtual, na que pequenos e maiores poden simular distintos escenarios e pasos de danza grazas a un ordenador e unha pantalla de plasma. Esta actividade é unha colaboración do Centro de Innovación Social “In Lugo”, un servizo pioneiro no Noroeste de España impulsado pola Deputación que se dedica á innovación empresarial no campo do benestar social.

Empresas innovadoras

A aula formativa do Innova-TE dá a coñecer así mesmo as experiencias de empresas da provincia de Lugo que implantaron con éxito as novas tecnoloxías no seu modelo de negocio. Na súa estancia en Sarria, as firmas participantes son a adega Vía Romana de Chantada e Cárnicas Teijeiro, radicada no propio Concello sarriano, que expoñerán a súa actividade e produtos, e ofrecerán degustacións.